PENSO que hoxe, en Galicia, está sucedendo algo que non é bo. Ninguén pode poñer en dúbida que unha boa parte do electorado galego, vote o partido que vote, ten polo menos respecto ó país, á súa cultura, á súa lingua. Cos matices que se queira, pero esa é a realidade ben demostrada. Por iso ten que causar estrañeza que algún que outro dirixente, en especial dunha das tres opcións políticas principais que temos, adopte unha actitude ou combativa ou de desprezo da lingua do país, que é a de bo número de electores e que moitos outros valoran sen complexos como lingua propia e de seu. É unha actitude que demostra pouco respecto para o electorado. E pode levar a aberracións que ó mellor hai que defender, como a que se deu en Sarria, onde unha concelleira da esquerda se viu obrigada a da-lo seu voto á dereita por unha razón: porque o outro partido da esquerda, como ven sendo común nel, adoptou actitudes combativas e de desprezo para o galego. Política de progreso sucesora da de Franco.