¿Casas ou campamentos?

CARLOS VÁZQUEZ

SARRIA

TRIBUNA | O |

19 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DICÍA Ernesto Sánchez Pombo a primeirísimos de mes que cada ano péchase en Galicia unha vila aínda maior que a de Sarria. Sorprendente. Continuaba con que en 2002 dezaseis mil galegos buscaron fóra o que non atopaban na casa. E non é de infidelidades do que precisamente estaba a falar. Algo ten unha terra que perde a tanta xente. Algo ten que non é bo. O director de Opinión de La Voz metía o dedo na chaga ó afirmar: "Y aquí nos preocupamos por organizarles campamentos y actividades para sus hijos¿". Ou sexa, que non somos capaces de evitar que entren as silvas nas súas casas, pero instalamos tendas de campaña para que nos manden un mes os seus fillos. A tenor disto, cóntolles que sei dun alcalde que anda toliño por mercar un terreo, cualificado como industrial, para construír alí un pavillón deportivo, piscinas e un campamento. A idea en si non estaría mal si nese concello houbera un polígono industrial que ofrecera árbores de futuro para os seus habitantes. Pero nin hai nin sequera está previsto. As piscinas acabaranse facendo. Agora ben, para quén si a este paso ninguén ha quedar aí des que marchen os que as fagan.