A comisión veciñal de Oural sorpréndese de que Garrido non a chamase ó Concello
SARRIA
?s representantes da Comisión Pro Residuos Mínimos de Oural afirman estar sorprendidos de que o alcalde non os convocase a una reunión que manterá hoxe no Concello de Sarria a comisión de seguemento das probas de incineración de neumáticos que se levan a cabo na factoría de Cementos Cosmos. «Sabemos que a alcaldía chamou a algunhas persoas que ata agora non tiñan nada que ver con isto para que participen na comisión e non entendemos por qué non nos convocou tamén a nós», afirma Fernando Coto, un dos portavoces do colectivo veciñal. «Parece que alcalde non quere saber nada de nós, quizá polo contencioso que puxemos contra a licencia provisional que lle deu á empresa para queimar neumáticos. De todas maneiras, esta é unha novidade moi estraña para nós», comenta a este respecto. O colectivo, pola súa parte, ten previsto organizar a semana próxima unha asemblea de veciños para analizar a situación actual do conflicto provocado polos proxectos de incineración de Cosmos. Na reunión participarán o avogado e os expertos técnicos que colaboran coa comisión veciñal nas súas accións reivindicativas contra a queima de neumáticos. A Comisión Pro Residuos Mínimos afirma por outro lado que continúa recopilando datos e documentos para apoiar a acción xudicial que emprendeu contra a licencia municipal de incineraciónO alcalde asegura que o colectivo veciñal de Oural non foi convocado ó Concello porque os seus representantes «non quixeron formar parte no seu día desta comisión de seguemento». Na reunión prevista para hoxe, que comezará ás dez da mañá na casa consistorial, serán expostos e explicados os datos técnicos recollidos ata agora sobre as posibles emisións contaminantes producidas pola queima de residuos na fábrica. Na comisión de seguemento participan representantes da dirección e do comité de empresa de Cementos Cosmos, de tódolos grupos políticos da corporación de Sarria e de diversas institucións, así como de varios colectivos veciñais.