«A xente descoñece que o órgano ten unha vía solística para concertos»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

SAMOS

Cedida

O músico lalinense exerce como organista titular na igrexa de Santa María la Blanca, en Alcorcón

21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A música comezou a formar parte da vida de Nicolás Varela (Bermés, Lalín) a unha idade moi temperá. Lembra que con só cinco aniños entrou no Conservatorio Profesional de Música de Lalín para estudar percusión «pero cando estás só na casa, e cunha caixa por instrumento é bastante difícil». As súas axeitadas dotes para o piano fixo que se apuntara aos cursos de música litúrxica que se impartían na cidade de Lugo.

-Aí empecei a tocar o órgano. Posteriormente matriculeime no Conservatorio de Ourense, que é o único en Galicia no que se poden cursar estos estudos e aí continúo estudando; en dous anos acabarei o grao profesional e no medio licencieime en Económicas e estou cursando un Máster en Madrid.

-Son poucos os que se dedican a este instrumento.

-Poucos, e de música sacra, menos aínda (risas). En toda Galicia penso que somos dúas ducias os formados en órgano e que nos preocupamos por facelo o mellor posible, e na zona creo que eu só. É un instrumento bastante descoñecido polo público en xeral malia que dende fai seis séculosestá introducido na igrexa, e os grandes organistas en xeral están moi en contacto coa liturxia. Máis recentemente xa se foron ubicando órganos en distintos auditorios e tamén en salas de concerto pero o groso, por tradición, está nas igrexas. A xente sabe pouco de nós e mesmo descoñece que o órgano ten unha vía solística para interpretar concertos aínda que sexa nun templo dedicado ao culto. Creo que temos que reivindicar a beleza deste instrumento e do que facemos os organistas.

-Como olla pois o futuro dos organistas, dos poucos que operan no país?

-É un futuro que está collido con pinzas. En Ourense estamos estudando na actualidade uns dez organistas ao ano e precisamos que se visibilice este instrumento, temos que vendernos pero tamén vender o órgano. Unha celebración relixiosa cambia totalmente se vai acompañada da música dun órgano, ten como máis solemnidade, é diferente, colle como máis profundidade...

-Escasas son tamén as igrexas que contan con órganos antigos.

-É certo que non hai moitos órganos antigos, e se existen en capelas ou igrexas non están ben conservados normalmente. Precisan dunha profunda restauración e non están aptos para tocar pero o problema é acadar os fondos necesarios para recuperalos axeitadamente. Os dos grandes templos si que están en boas condicións pero nesta situación hai poucos.

-Temos exemplares interesantes na zona?

-Na zona do Deza hai sobre todo órganos electrónicos que suplen a función do órgano tradicional. En Abades penso que existe un de interesantes características pero logo temos que irnos a Monforte ou Samos para ver e escoitar como soan eses instrumentos. Habería que restaurar todos os que se conservan aínda para que se toquen. É unha mágoa ver o seu deterioro paulatino e que non se poña interese na súa recuperación. Isto resulta un tanto curioso xa que cando se visita unha igrexa ou unha catedral e se hai un órgano nunca deixa indiferente a ninguén. Xa o dicía San Agustín que o que canta reza dúas veces, e se o fas ben penso que é coma se o fixeras non dúas senón tres veces (risas).