Hixinio Flores, un dos impulsores desta iniciativa, explica a dificultade que supuxo levar a cabo este traballo: «O labor de campo é complicado, hai que contactar coa xente, moitas pezas están en mans particulares...». Ademais, na actualidade non queda ningunha persoa viva que fose testemuña directa daquelas derradeiras fornadas.
A peza máis antiga é de 1706
Segundo recollen no libro, a olería de Samos practicouse na zona coñecida como Couto de Samos, feito que se pode vincular co Mosteiro, tal e como pasou coas ferrerías. A comezos do século XVIII estaba plenamente implantada, e a peza máis antiga da que hai coñecemento é unha ámboa de 1706, que conta cunha inscrición. No libro detállase tamén o que cobraban os fabricantes de olas de barro, o que custaban os materiais, como eran os tornos utilizados polos cacharreiros de Samos e os fornos, integrados en construcións anexas ás vivendas, o que fan que pasen máis desapercibidos. Tamén dedica un capítulo ás feiras, que supuxeron un auténtico trampolín para esta industria oleira. Concretamente, houbo tres mercados de gran relevancia na contorna de Samos para o oficio dos cacharreiros: a feira da Esfarrapa (parroquia de Santiago de Cedrón, Láncara), o 11 de cada mes; a de Castroncán (Samos), o 4; e a da Campa da Choza (na Ponte, no Val de Lóuzara), o 17.