A Cova do Carballo está cerrada cunha reixa desde hai catro anos, por iniciativa da asociación cultural Fonte da Cova. Esta medida de seguridade foi tomada despois do expolio vandálico sufrido pola gruta no 2006, cando persoas descoñecidas cortaron dúas estalagmitas de grandes dimensións cunha serra eléctrica. Unha delas, que ao parecer resultou demasiado pesada para os ladróns, é a que acaba de ser restaurada polo clube Maúxo, e a outra está desaparecida desde entón. En anos anteriores producíranse outros destrozos deste tipo, aínda que de menor importancia. Outros visitantes incívicos deixaron pintadas e inscricións nalgunhas partes da cova. Na actualidade, o acceso á gruta está controlado e o Concello de Samos encárgase de abrir a porta da entrada e de guiar aos grupos de visitantes. Para isto é necesario dirixir unha solicitude ao Concello con suficiente antelación.