CHECHU RÍO A ENTREVISTA Francisco Fernández Montes, alcalde independente do Concello de Rábade O alcalde de Rábade, Francisco Fernández, defende a transparencia da actuación municipal. Sostén que as facturas do Concello están a disposición de calquera concelleiro e veciño para que as examine. Pero, advirte que para facelo é preciso que estes documentos estean aprobados polos órganos de goberno, xa que entende que ata entón non se poden considerar aceptadas pola administración local.
01 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, sostén que non son poucas as ocasións nas que se presentan facturas incorrectas ou improcedentes que logo non son aprobadas. Pero que cando superan este trámite poden ser comprobadas polos veciños, xa que pretende defender a transparecia coa que o equipo de goberno fai as cousas desde que el preside a corporación local. -A oposición denunciou que en setembro do ano pasado o Concello tiña facturas impagadas por un importe superior ós 15 millóns de pesetas. ¿Que ocorreu? -Foi por mor dun problema informático. Os funcionarios víronse na obriga de introducir de novo toda a contabilidade do ano, polo que ata que isto se fixo, por mera precaución, non se fixeron os pagos en determinadas partidas ó descoñecer nese intre a disponibilidade orzamentaria por non ter toda a contabilidade introducida. Agora ben, unha vez solventado ese problema, a maior parte desas facturas foron abonadas concretamente en decembro. -Jesús Mouriz, portavoz socialista, denunciou que desde que é concelleiro en poucas ocasións se lle respectou. -Tanto o equipo de goberno coma eu queremos expresar o noso máis profundo respeto por tódolos membros da oposición e pola labor que realizan. O contrario non sería admisible porque son tan lexítimos representantes dos veciños como o somos nós, independentemente de que cada un defenda os seus intereses na forma de gobernar. Lamento que alguén vexa en min unha mente retorcida, xa que non está no meu ánimo retorcer cousa nin prantexamento algún.