O alcalde de Outeiro de Rei, satisfeito polo cambio da lei que permite axilizar permisos sobre patrimonio
OUTEIRO DE REI
«A modificación da Lei do Patrimonio permite ao Concello reducir tempos de espera aos veciños», destaca o rexedor
09 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O alcalde de Outeiro de Rei , o popular José Pardo Lombao, destaca que o Concello pode tramitar autorizacións relacionadas co patrimonio cultural trala modificación da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, que reserva competencias para a Xunta sobre BIC, proteccións integrais ou o Camiño de Santiago, «o que nos vai a permitir reducir tempos de espera aos veciños».
O rexedor sinala que xa pode tramitar, dende o pasado 1 de xaneiro deste ano, parte das autorizacións relacionadas con patrimonio cultural. Así, destacou, «será o Concello o que autorice, xunto ao procedemento de concesión de licenza, intervencións en elementos patrimoniais cando se trate de obras menores como limpeza de fachadas, cambios de pavimento ou reparación de vías». Esta competencia está recollida na modificación da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia que reserva para a Xunta de Galicia a competencia na tramitación das autorizacións en Bens de Interese Cultural (BIC), de protección integral ou relacionadas co Camiño de Santiago.
O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, asegura que esta medida «permite axilizar trámites e reducir os tempos de espera» dos veciños e veciñas cando queiran realizar algunha obra ou actuación que requira algún tipo de resolución relacionada co patrimonio cultural do noso concello». E puntualiza o alcalde de Outeiro de Rei que «non supón, en ningún caso, reducir a protección».
Pardo Lombao defende, ademais, a capacidade dos concellos á hora de xestionar e tomar decisións no ámbito das súas competencias. «Igual que temos competencias en materia de urbanismo, entendo que tamén dispoñamos de competencias neste tipo de permisos. Alegar incapacidade por parte dos concellos neste ámbito suporía invalidar calquera outro tipo de competencia dos concellos», expón o alcalde.