Para dentes, dentintas

CARLOS VÁZQUEZ

O CORGO

TRIBUNA | O |

10 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

CONTOUME o bo do Xosé Manuel Pol (xa saben, o que anunciaba unha coñecida marca de leite na tele) que entre Castroverde e O Corgo vivía un ferreiro moi peculiar. Amais de facer coitelos, tamén sacaba os dentes. ¿De que xeito? Pois, dende logo dun que non é do máis recomendable. Efectivo si. Polo visto procedía enganchando a peza picada cun fío de seda, dos de pescar. Fío que deseguido, polo outro extremo, amarraba ben á ingre da fragua. Imaxinemos por un intre a posición na que quedaba o pobre doente das moas. Inda que quizais peor ca iso era o que viña despois. Porque o ferreiro, metido a sacamoas, non tiña outra maneira que agarrar un ferro ardendo e pasarllo por diante da cara ao paciente. Para que coa impresión guindara con forza a cabeza cara atrás e arrancara a peza enteira. Arre demo!, dixen cando mo contou. Cabe supoñer que dito sistema só valería para a primeira vez ¿non? En fin, menos mal que xa hoxe hai outras técnicas. E dentistas, que lonxe de andar así, preocúpanse de non causarnos dano. Ai se agora fora coma antes e a miña dentista, Iria, tivera que andar con estas historias. Prestárame eu. ¡Érache boa!