Foron moitos os escritores e demais personalidades do mundo das letras que quixeron achegarse ata Monterroso para sumarse ós actos de homenaxe a Lorenzo Varela. Na vila estiveron Isaac Díaz Pardo, que foi o encargado de inaugurar unha exposición fotográfica sobre o poeta homenaxeado; Manuel Bragado, director de Xerais, que presentou o libro Escolma: 12 poemas ; Xesús Pablo González Moreiras, director Xeral de Política Lingüística e o fillastro de Lorenzo Varela, Fernando Scornik, acompañado da súa dona e da súa filla. O alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, exerceu de anfitrión e de presentador dos actos da homenaxe, que tamén incluíu unha ofrenda floral; a descuberta dunha placa na casa da familia materna de Lorenzo Varela, unha mesa redonda e un recital poético.