Axudaría esa decisión da Real Academia a recuperar a súa obra?
Pódese pensar que si. A celebración do Día das Letras Galegas supón a publicación de obras dedicadas ao autor escollido cada ano, e a situación que rodea a Avelino Díaz amosa a dificultade dese obxectivo se non hai un recoñecemento oficial. Por unha banda, a maior parte da súa vida transcorreu en América; por outra, os seus descendentes viven en Arxentina, aínda que no 2015 visitaron Meira e Riotorto.
O exemplo de Xosé María Díaz Castro (1914-1990), homenaxeado no 2014, pode valer para explicar a importancia da decisión da Real Academia Galega. O poeta, que nacera nos Vilares (Guitiriz), viviu os derradeiros anos na capital do concello e nese tempo mantivo relación con outros escritores, algo ou moito máis novos ca el. Cunha soa obra publicada en vida, Nimbos, acadou un amplo recoñecemento na literatura galega contemporánea; pero o feito de ser elixido para un 17 de maio axudou á publicación de obras dedicadas a el, incluída a edición das obras completas, preparada polo profesor e ensaísta Armando Requeixo. Cómpre engadir ademais que a obra inédita de Díaz Castro estaba en Guitiriz, onde a Asociación Cultural Xermolos garda un amplo fondo documental do poeta.