Sabela Eiriz, fotógrafa de Lugo: «A fotografía é un traballo moi solitario»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Sabela Eiriz expón na galería Néboa de Lugo
Sabela Eiriz expón na galería Néboa de Lugo cedida

A artista expón «Un lugar desprazado coma o meu corpo» na galería Néboa ata o 29 de xuño

14 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A artista multidisciplinar Sabela Eiriz (Lugo, 1991), que traballa fundamentalmente coa fotografía, a escritura e o vídeo, acaba de inaugurar unha exposición fotográfica na galería Néboa (Lamas de Prado, 31), de Lugo. Trátase de Un lugar desprazado coma o meu corpo, que se poderá visitar ata o 29 de xuño.

Eiriz emprega unha linguaxe baseada na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e formatos. A memoria, o tempo, a identidade, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os procesos creativos, son protagonistas habituais nos seus proxectos. Graduada en Comunicación Audiovisual pola USC, especializouse en fotografía, deseño, literatura e artes visuais, ademais de ser doutora en Artes e Educación. Na actualidade, compaxina a súa labor artística co seu traballo como fotógrafa e videógrafa e coa docencia na Universidade da Coruña.

—Como xurde esta exposición?

—É un traballo que vén de anos atrás. Cando volvín a Galicia despois de pasar varios anos fóra, collín a cámara para reencontrarme coa contorna e coa familia, ver como foron cambiando os espazos, tanto polo paso do tempo en si como en relación aos recordos que eu gardaba deles... Foi un momento de reubicarme, no que fixen moitísimas fotos. Hai uns meses, Alba López Porto [a directora da galería de arte Néboa] propúxome facer unha exposición, e foi aí cando volvín a esas fotos e fixen unha selección para esta mostra. A exposición faime especial ilusión porque a vexo moi honesta e véxome reflectida nela. Alba deume moita liberdade e logreina montar tal cal a imaxinara.

—Que tipo de imaxes atopará o visitante?

—Son fotografías que falan dun territorio indeterminado, son lindes entre o rural e o urbano, e hai moitas referencias á casa e á idea do fogar. Fala de lugares, pero tamén me vexo eu reflectida neles. Eses «sitios» reflíctense nos corpos. Hai paisaxes, vexetación, edificacións a medias... tamén sen ubicación temporal. E son diferentes zonas de Lugo e arredores.

—En que outros proxectos está traballando na actualidade?

—Traballo como fotógrafa, expoño e continúo dando clases de Didáctica da Expresión Plástica na Universidade da Coruña. No eido da fotografía, teño dúas vertentes: a creativa e a profesional. Nesta última fago moitos retratos, imaxes sobre teatro, danza... é unha parte que me gusta moito. Pero tamén gozo moito coa parte artística, pola capacidade expresiva que ten a fotografía. O que me gusta non é solo mostrar unhas imaxes individualmente, senón ver como se relacionan entre si e as posibilidades que abren de reflexión.

—É difícil abrirse camiño no mundo da fotografía?

—Ten varias dificultades dedicarse á fotografía, comezando polo propio esforzo que require ser autónomo. Por outra banda, a fotografía é un traballo moi solitario, non ten nada que ver co que se fai noutras áreas do audiovisual. E, no eido da arte, a fotografía ten a complexidade de ter uns custes de produción elevados.