Alba López, xerente dunha nova galería de arte en Lugo: «A Milagrosa é un barrio moi interesante no que están xurdindo moitos proxectos artísticos»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Alba López está á fronte da galería Néboa
Alba López está á fronte da galería Néboa Laura Leiras

O novo espazo expositivo Néboa aposta polos artistas galegos e a participación en feiras internacionais

09 ene 2024 . Actualizado a las 13:18 h.

Tras un periplo de máis dunha década por distintas cidades europeas, Alba López Porto (Lugo, 1989), volve á súa cidade natal cun proxecto «pequeno», pero artellado con moito agarimo: a posta en marcha dunha nova galería de arte contemporánea, Néboa, no número 31 de Lamas de Prado. Alba López estudou na Coruña Ciencias Económicas, pero despois fixo un mestrado en Madrid sobre Xestión do Mercado da Arte. A partir de aí, comezou a súa carreira profesional no mundo das galerías de arte e eventos artísticos, traballando en Madrid, Barcelona, Cork ou Praga.

Combinando a súa paixón co seu desexo de volver a Lugo, decidiu emprender; e fíxoo con Néboa, cuxo nome describe «a incerteza do que pode haber máis aló e que non vemos, temos que aproximarnos para sentir o que nun primeiro momento intuímos, conceptualmente isto é extraordinario. Por outra banda, a beleza e sonoridade da palabra néboa lémbranos o fenómeno meteorolóxico máis característico de Lugo», sinala.

A galería abriu as súas portas o 30 de novembro coa exposición Non hai dúas sen tres, da compostelá Carlota Pereiro, que se pode visitar ata o día 27.

—Que acollida está tendo a galería?

—Moi boa, estou moi sorprendida, felicítanme e está gustando moito o proxecto. Pero hai que ir pouco a pouco, isto é unha maratón, non un sprint.

—Hai necesidade en Lugo de novos espazos expositivos?

—Si. É certo que en arte contemporánea hai espazos como La Catedral, Leira Haus ou Solaina, pero a miña intención é tamén participar en feiras internacionais, e aí non hai ningunha en Lugo e en Galicia hai moi poucas.

—A que tipo de artistas está aberta a galería?

—É unha galería de arte contemporánea coa que busco dar espazo a artistas galegos ou vinculados a Galicia. Hai artistas galegos que están fóra e que nunca expuxeron na súa terra. A idea é programar exposicións temporais individuais, porque se trata dun espazo pequeno, duns dous meses ou dous meses e medio.

—Cal será a seguinte proposta expositiva?

—Agora pódese visitar a mostra de Carlota Pereiro, ata o día 27, e a principios de febreiro inauguraremos unha exposición de Vicente Blanco, un artista de Cee que vive en Lugo.

—Por que escolleu a Milagrosa para instalar a galería?

—En primeiro lugar, porque é o barrio no que vivo e porque contaba co local, no que estivo o taller de electrónica do meu pai. Pero tamén porque considero que, a pesar dos últimos sucesos que aconteceron, A Milagrosa é un barrio moi interesante no que están xurdindo moitos proxectos artísticos: en pouco espazo está Solaina, Néboa, vai abrir a Fundación Vázquez Cereijo... Ademais, Lugo é unha cidade pequena e realmente A Milagrosa está cerca da Ronda. Creo que é interesante investir neste tipo de barrios.