O bispo de Lugo presidiu a celebración do San Lourenzo no mosteiro de Carboeiro

daniel gonzález alén SILLEDA

LUGO CIUDAD

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

Trátase dunha igrexa monacal sen imaxes nin retratos que ten interesantes inscricións

12 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O San Lourenzo mártir, é o patrón das parroquias lalinenses de Moimenta e Vilatuxe, celebracións as que xa temos dedicado senllas reportaxes tempo atrás, e tamén do célebre mosteiro de Carboeiro en terras de Silleda, que no propio día da festividade o 10 de agosto, na que dende hai 50 anos se ven celebrando unha romaría campestre. Este ano a misa solemne estivo presidida polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, acompañado por media ducia de sacerdotes, entre eles o arcipreste de Deza e reitor do Corpiño, José Criado e o párroco de Silleda e contorna, José Pérez, cantada pola Coral do Corpiño, dirixida por Arlette Martín Velázquez e co acompañamento musical de Plácido Gaiteiros, co templo cheo de devotos e algúns turistas.

Logo da misa solemne, Plácido e Gaiteiros ofreceron un concerto con varias pezas e os mais dos romeiros, así coma o Bispo e demais membros do clero, xantaron nunha carpa un típico menú de polbo, churrasco, polo asado e outras viandas.

A súa imaxe está en Saídres

A impresionante igrexa románica do século XII e as dependencias e terras que foran do desaparecido cenobio beneditino, fixeron de espléndido marco a esta celebración, na que se bota en falta a imaxe do santo mártir, que ben se podía traer da igrexa de Saídres neste concello de Silleda, a que foi parar con outras e un retablo logo da exclaustración e abandono da igrexa e do propio mosteiro no século XIX. No templo de Saídres hai imaxes dabondo e alúmenos esta do San Lourenzo e mesmo as outras tres de San Xoán Evanxelista, San Bernardo e San Bieito Abade, saídas de Carboeiro, poderían volver a igrexa monacal ou a o museo que se habilitou en Carboeiro.

Mais difícil seria repatriar a imaxe da Nosa Señora do Belén, que logo de pasar por Saídres, gárdase no Museo Diocesano de Lugo e os retablos de Mánduas e o citado de Saídres que están en uso en ámbalas dúas igrexas.

Inscricións da fundación

Nos muros da igrexa consérvanse dúas interesantes inscricións, ás que tempo atrás pedimos ao noso colaborador Álex Negreira lles fixera senllas fotogrametrías, para a súa mellor lectura e interpretación. A primeira, situada no interior do templo, no muro lateral preto dun sepulcro con estatua xacente, foi descifrada por Antonio López Ferreiro primeiro e Xesús Carro despois, e reproducidas en tempos recentes por Armando Vázquez nun libro sobre o mosteiro, dá conta da fundación do templo polo abade Fernando e a súa caterva de monxes o 1 de xullo do ano 1171: «E. I. CC. VIII. KALENDAS. IVLIIS. HOC TEMPLVM. FUNDVIT. ABBAS.

FERNANDVS. CVM. SOURUM. CATERVA. MONACATORUM».

Tamén se refire á fundación da igrexa en semellante data, outra inscrición existente na ábsida

o 1 de xuño de 1171: «ERA. MCCV. III. KALENDAS. IVNIVS».

No lintel dunha porta lateral desaparecido e na lápida do sepulcro do abade Fernando, promotor da igrexa románica finado no ano 1192, había outras inscricións que se perderon cando o espolio do mosteiro, ao igual que outras pezas, como xa temos publicado en mais dunha ocasión. Tamén compre referir as pinturas murais existentes nas capelas absidais, que se conservan malia o abandono que sufriu o cenobio ata que hai mais de 50 anos, en que a Asociación de Amigos de Carboeiro se converteu no valedor para a conservación e posta en valor deste senlleiro monumento e instituíu esta celebración do 10 de agosto, dedicada ao patrón do mosteiro San Lourenzo.