Rubén Arroxo, líder do BNG en Lugo: «Sempre imos poñer por diante o mellor para o concello, non imos ter liñas vermellas»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Rubén Arroxo celebra os datos históricos conseguidos polo BNG
Rubén Arroxo celebra os datos históricos conseguidos polo BNG REBECA FERNANDEZ

O BNG aposta por «falar de proxectos» e non de áreas á hora de negociar o pacto

31 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Teño que recoñecer que criamos que iamos sacar un mellor resultado, pero analizándoo friamente, foi moi bo». Así inicia Rubén Arroxo (Lugo, 1985) a análise dos resultados electorais que o Bloque Nacionalista Galego asinou o 28M. Uns resultados que derivarán nun novo pacto de coalición entre BNG e PSOE, dando así continuidade ao goberno bipartito.

—Aínda que perseguían máis, os cinco concelleiros e os 9.861 votos foron bos resultados para o BNG.

—Si, primeiramente, o PP non conseguiu sacar maioría absoluta en Lugo, cando había unha onda a nivel estatal de que está nun dos seus mellores momentos nos últimos anos, e iso acaba trasladándose ás cidades nas tendencias de voto. E logo, o BNG conseguimos o mellor resultado en número de votos da nosa historia. Logramos 500 votos máis que o mellor resultado que tiñamos, que era do ano 1999, e conseguimos subir 2.000 votos respecto de hai catro anos, polo tanto, nese aspecto si que temos que valorar que foi positivo e que estamos moi agradecidos a que 2.000 persoas máis que hai catro anos confiaran en nós.

—A que atribúe eses 2.000 votos máis?

—Creo que houbo unha ilusión grande polo traballo que se fixo dende o BNG neste tempo. Percibímolo moito no mitin central, probablemente o máis grande do BNG nunhas municipais en Lugo dende os anos 90, cando a xente ía masivamente. Aí percibimos unha ilusión moi grande e que o traballo do BNG fora moi ben percibido por unha gran parte da sociedade. Moita xente díxonos que por primeira vez ían votar ao Bloque.

—Ten xa claro que fixo que a xente votara como o fixo? Foi o voto útil, a negativa a que saíra a dereita?

—Estes días estou reflexionando moitas cousas, hai algunhas que aínda non teño moi claras, pero creo que hai cousas que influíron moito. Xa se notaba como unha precampaña das xerais, e afectou; e existiu o medo de que en Lugo fora gobernar a dereita. Era unha posibilidade real e fixo que se mobilizaran determinados votantes.

—Agora tócalles pactar co PSOE. É partidario de darlle continuidade ao que había ou partir de cero? Teñen algunha liña vermella?

—Nós non imos ter liñas vermellas. Vai ser un proceso de sentarnos a falar, saber que posicións temos cada quen e a partir de aí mirar que se pode facer. Nós, pola nosa parte, sempre imos poñer por diante o mellor para Lugo, por iso non imos poñer nunca liñas vermellas. Máis que falar de áreas imos falar de proxectos.

—Cal debe ser a folla de ruta para os próximos catro anos?

—Lugo ten que seguir avanzando para converterse nunha cidade amable, verde, que poña en valor o seu patrimonio e que loite polas comunicacións, que é algo fundamental. Lugo ten que rematar co illamento que ten, esixir que teña as mesmas comunicacións có resto das cidades cando falamos de autovías, servizos ferroviarios, etc... porque para o desenvolvemento económico é básico.

—Que medida lle gustaría poñer en marcha nos cen primeiros días?

—Nós temos un proxecto que é unha continuación do que levamos feito nestes anos e a nosa idea é avanzar nesa liña. Hai cousas que, de feito, xa deixamos preparadas para seguir gobernando, como rematar a peonalización de Recatelo, activar os vieiros escolares en todos os colexios, e todos eses traballos que quedaron pendentes.

—Na campaña falou moito de rematar a segunda rolda e da cidade dos 5 minutos. Son imperativas para estes catro anos?

—O da cidade dos cinco minutos si, porque é un proxecto viable a curto ou medio prazo. O da segunda rolda somos conscientes de que é máis complicado porque require expropiacións. Creo que hai que inicialo pero non me atrevo a dicir que se poida rematar neste mandato.

—Como se pode facer de Lugo unha cidade dos 5 minutos?

—Hai barrios que aínda non teñen cerca ningún tipo de espazo peonil nin xardíns nin nada, hai algúns que temos localizados, especialmente pola zona norte da cidade, cara A Milagrosa, e aí é onde temos que buscar rúas que non teñan moito tráfico nin moito estacionamento e convertelas en espazos públicos.

—Que análise fai dos datos provinciais?

—Hai moito que avanzar, pero o BNG mellorou en moitos concellos, conseguíronse facer máis candidaturas, hai representación en municipios nos que antes non había, e nalgúns con subidas importantes, como Guitiriz ou Begonte. En Pedrafita estivemos a un voto de conseguir un concelleiro. O que vimos na comarca é que houbo unha tendencia moi positiva e, sobre todo, a alcaldía en Samos, que foi moi impresionante.

—Rueda non adiantou os comicios autonómicos. Que lectura fan dende o BNG de Lugo?

—Creo que se debe a datos internos do PP, que agora mesmo ven que é moi probable que, se houbese eleccións neste momento, Ana Pontón fora presidenta da Xunta de Galicia pola gran subida que tivo o BNG nas municipais. Subiu 6 puntos porcentuais nestas eleccións.