Outra vez, vai de cables

La Voz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

O cableado afea o casco vello de Lugo
O cableado afea o casco vello de Lugo REBECA

14 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O13 de agosto do ano 2015 publicouse neste xornal un artigo que titulei Máis cables: o que di o Pepri só vai a misa para algúns, cuxo contido serviría para hoxe só cambiando o nome dunha parte dos actores, daquela era unha compañía subministradora da enerxía eléctrica, e agora é unha de telefonía. Eu teño a mala sorte de ser copropietario dun edificio de 1771 cunha parte do século XV. Agora non vén a conto dicir que a rehabilitación en Lugo é un calvario para os propietarios porque non só se teñen que enfrontar cos criterios moi particulares de determinados funcionarios, senón tamén cos intereses das compañías subministradoras dos servizos de electricidade e telefonía que se pasan o Pepri polo arco do trunfo, mentres o Concello parece que mira para outro lado.

Naquel artigo contei a esperpéntica visita que fixen ao un célebre arquitecto responsable naquel momento do Pepri acompañado do meu arquitecto para darlle conta dos erros que ese documento tiña en relación co meu edificio, e a resposta que me deu foi lacónica e expeditiva: «Lo que dice el Pepri va a misa», e que se non estaba conforme, que fose falar co asesor xurídico.

Á vista da resposta, o 7 de febreiro do ano 2006 presentei unha solicitude pedindo as correccións oportunas, ao que me responderon que como estaba en proceso de modificación o Plan Xeral, a lei non permitía facer modificacións ata a súa aprobación definitiva. Eu aínda non sei se ese trámite se cumpriu xa neste días pasados. Non obstante, para a miña satisfacción anunciáronme que a miña solicitude sería estudada na futura modificación do Pepri. Levo agardando 16 anos e a tal revisión, que tiña que ser feita aos cinco anos da aprobación, nin está nin se lle espera. É unha administración eficiente a que dá este tipo de respostas? Cómprelle ao administrado tomar algún tipo de medida que non sexa a do seu suicidio?

Nestes días anda un individuo, polo menos na zona da rúa do Miño, que di representar a unha compañía de telefonía —na segunda conversa negoume o nome da primeira e deume o doutra, e por iso non as cito— solicitando dos propietarios de inmobles que lle asinen a autorización para colocar polas fachadas un cable de fibra óptica, e que se non o autorizo quedarei sen servizo porque van quitar o de cobre. Eu xa lle advertín que o artigo 54 do Pepri prohibe tal instalación e que na fachada da miña casa non se poñían máis cables dos que xa ten. Ao que dixo que tiñan autorización do Concello.

Por esta razón pido que por parte do Concello se nos diga publicamente aos veciños, en caso de ser certo o que di o entrevistador, se hai un Pepri á carta, e nese caso en base a que norma se lle dá a esa empresa a autorización para pasar os cables polas fachadas, porque o que isto escribe tivo que facer pola súa conta unha gabia de tres metros, pedir licenza municipal e depositar unha fianza de 200 euros, para que o cable da electricidade fose soterrado. Teño dereito a saber se aquilo que me dixo o funcionario de «lo que dice el Pepri va a misa», o dicía en serio ou se era para rirse dos que se nos obriga a ir pola norma.