O Garañón

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO CIUDAD

16 oct 2019 . Actualizado a las 09:24 h.

Miña nai non deixa de pedirme que escriba sobre o Garañón. Así que aquí vai a miña opinión, agora que semella que o derrubamento pode ser realidade.

O parque Rosalía de Castro ábrese a unha das vistas máis fermosas e impresionantes de

Lugo. O importante desnivel sobre o Miño ofrece unha panorámica de ampla perspectiva sobre o río e os prados circundantes, a vexetación de ribeira e o cinto verde que rodea a cidade, unha das contornas urbanas mellor conservadas de Galicia. Por outra banda, trátase dun lugar agradable e moi céntrico e non é de estrañar que sexa un espazo apetecible para os intereses privados; mais a cuestión é se ese patrimonio, ese privilexio e beleza debe explotarse economicamente en beneficio duns poucos ou preservarse como ben común ao alcance de todos.

Que o Garañón se paralice e finalmente chegue o derrubamento (aínda que sexa tantos

anos despois), sería un éxito compartido do conxunto dos lucenses, un triunfo dos intereses colectivos sobre os particulares. E ao mellor tamén serve para marcar un punto de inflexión cara a unha maior sensibilidade sobre os efectos da nosa intervención no territorio. As cousas están mudando. O termo feísmo está xa asentado e manifesta a conciencia que imos adquirindo sobre construcións aleatorias e antiestéticas, en calquera forma e lugar.

Se se derruba o Garañón, deberiamos festexalo e acudirmos ao parque para gozarmos

da panorámica. Eu, desde logo, irei alí coa miña nai. E sei que ela estará emocionada... Sentirá que, por unha vez, os máis febles se poden impoñer e triunfar. Agardemos que chegue ese día e que un xiro de última hora non cambie o final e o sentido da historia.