A asociación de Amas de Casa de A Pobra expón dezaseis traxes de época na oficina de turismo da vila
21 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Volver a vista atrás a través da vestimenta dos antepasados é outra forma de coñecer a maneira de vivir e de traballar dos que poboaron as vilas hai non tanto tempo. Dezaseis traxes tradicionais expostos na oficina de turismo de A Pobra son testemuñas caladas dun pasado que volve ao presente a través de vestidos de faena e de gala que hoxe só se utilizan para espectáculos de danza tradicional.
A asociación de Amas de Casa pobrense, presidida por María del Carmen Lijó Fernández, foi a encargada de reunir as vestimentas que conforman a mostra. A maioría foron elaboradas nun curso ocupacional cuxo obxecto foi precisamente a elaboración de traxes para a escola de danza de A Pobra. «Para facelos, quince persoas cosemos seis horas ao día durante tres meses», explica Rosario Rodríguez, membro da asociación.
Sete das pezas expostas forman parte dunha colección particular que cedeu unha veciña que ten relación coas Amas de Casa.
Reproducións
A exposición está situada nos dous andares da oficina de turismo. As pezas que se mostran son, na súa maioría, reproducións das vestimentas que se utilizaban no século XVIII. Traxes de oficios como os de fiandeira, mariñeira e labrega da zona de Noia ocupan a primeira planta xunto con dous vestidos de gala de nenos.
No piso superior, varios traxes de diferentes zonas de A Coruña, Lugo e Ourense representan a indumentaria de gala e de voda utilizados na época.
A pedrería, os bordados e as teas utilizadas na elaboración das pezas, adoitan ser o que máis chama a atención das persoas que ata o momento acudiron a visitar a exposición. «Constitúen un patrimonio enorme para a nosa asociación, e tamén para a escola de danza que lles vai dar uso», afirma Rodríguez.
A escola de baile tradicional de A Pobra é precisamente a protagonista dunha colección de fotografías recollidas nunha vitrina á entrada da Casa Mariñeira. «Aí están representados os 24 anos de percorrido da escola», explica Rosario Rodríguez. De feito, algunhas das vestimentas expostas son as que locen mulleres, nenas e rapaces que ao longo deste cuarto de século aprenderon a arte do baile tradicional.
Admirar de preto
Dende a inauguración da mostra, que tivo lugar o día 13, decenas de persoas achegáronse á Casa Mariñeira para ver de preto as teas, as cores e os detalles dos vestidos que con tanta riqueza foron elaborados.
«Aproveitando outras actividades que se prepararon na vila durante a fin de semana, moitos turistas e veciños pasaron pola oficina de turismo», di Rodríguez. Os que aínda non o fixeron, teñen oportunidade de ver a mostra ata o día 3 de setembro.