AREOSO | O |
21 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DESDE QUE as pulpeiras de Friol, en Lugo, asumiron que coa entrada do euro no seu coñecido feirón ían perder un céntimo por ración non se volveu ver unha iniciativa similar. A ecuación das encargadas de cortar o polbo era tan sinxela como honrada. As cincocentas pesetas que valía a ración pasaban a ser 3,01 euros. Naquela feira de xaneiro do 2002 declinaron cobrar o céntimo. Probablemente, a súa actitude teña mudado desde entón. En Cataluña dedícanse estes días a ver como na hostelería estafan aos turistas. Unha caña de cervexa que vale algo máis de dous euros dentro dun local nalgunha das zonas turísticas de Barcelona sube ata os nove se se pide na terraza. Os veciños habituais xa están advertidos. Non para ningún. Os visitantes caen coma moscas. É curioso como os prezos se desdebuxaron nos últimos anos. Salvo casos escandalosos coma os de Barcelona, a subida foise colando na vida cotiá sen que dera tempo a darse conta, camuflada na confusión que produciu o cambio de moeda. A realidade se revela só ás veces en forma de destello. O outro día foi nunha ferretería na que un entra sen idea do que poden valer as cousas. Media ducia de artículos de tornillería e unha ferramenta, 1,68 euros. Lástima que os turistas non merquen cravos. E que só llos metan.