Bombóns

AMANCIO LIÑARES GIRAUT

LUGO CIUDAD

O FIADEIRO | O |

27 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

MESES ATRÁS lemos a mala nova neste xornal: pecha a fábrica luguesa dos Bombóns Carmiña. Como simple consumidor -e moi ocasional- do doce producto non sei da historia empresarial desa casa, nin das razóns que levan á súa desaparición. Supoño que terá que ver co proceso das economías de escala, das concentracións industriais, do mercado-mundo, da globalización e cousas así. En substancia, será outro exemplo próximo de como o peixe -ou o chocolate- grande engulipa ó pequeno. Tamén recortei deste periódico (24/8/2003) un gráfico ben clariño, publicado na Páxina Labrega, e que trata dos donos do leite en Galicia. Só Feiraco, dende Negreira, e Río, dende Veiga de Anzós, manteñen o tipo co control do capital galego, como cooperativa e empresa privada, respectivamente. As outras doce marcas que podemos atopar nos estantes pertencen a firmas e diñeiro foráneos. E o proceso parece que inda non parou. O país en venda. Na casa consumimos Feiraco. A opción non precisa de explicacións profundas. E non son larpeiro, pero estes días merquei e regalei bombóns Carmiña. Teñen boa presencia e saben moi ben. Amarga que desapareza este chocolate con licor e cereixas, feito en Lugo.