A TRIBUNA LUIS DÍAZ | O |
01 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.DECIDIDAMENTE, en Monforte non acertamos unha á hora de elexir padriños políticos. Nomeamos fillo adoptivo da cidade a Xosé Cuíña e de boas a primeiras xa non era conselleiro. Démoslle unha cea homenaxe a Manuela López Besteiro e a muller perde as eleccións en Lugo despois de deixar ben atada -para máis desgracia- a construcción dun porto seco chamado a facerlle a puñeta ó noso. Se cadra a orixe da nosa mala sorte cos padriños non estea nun problema de forma -no conselleiro que eleximos-, senón de fondo -se en realidade os políticos poden facer o que agardamos deles-. Porque unha cousa é colocar un sobriño ou conseguir canastras para un parque, e outra moi diferente sacar adiante unha vila na Galicia profunda. Para que Monforte se libre da pinza que dende hai moito tempo lle aplican dende Lugo e Ourense, fai falta moito máis que a mediación dun conselleiro amigo. Outra alternativa sería o que se fixo sempre nas causas imposibles: encomendarse ó santo e agardar un milagre. Aí está a nosa patroa, que se lle sacásemos as pingueiras que ten por riba na igrexa de San Vicente seguro que nolo agradecería ben.