ENTRE DÚAS AUGAS

MANUEL RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, doutor en Filoloxía Hispánica e profesor

LUGO CIUDAD

16 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre moitas outras posibilidades e aplicacións interpretativas ¿antropolóxicas, filosóficas, psicolóxicas, etcétera.¿, O segredo do humor, publicado por primeira vez no ano 1963, de Celestino Fernández de la Vega (Friol, 1914-Lugo, 1986), representa no eido da literatura un intento orixinal por establecer os principios prácticos fundacionais do concepto do humor ¿Cervantes, no caso do humor amable, ou Quevedo no do humor negro¿, e mesmo o desenvolvemento posterior desta actitude que resulta tan necesaria para a comprensión do ser cultural moderno como esvaradía á hora de tentar aprehendela. Actitude histórica moderna Sobre a literatura, precisamente, aplica a súa concepción do humor como unha actitude histórica moderna e culturalmente occidental, tentando delimitar o concepto de humorismo, distinto dos de ironía, sarcasmo ou comedia, e cos que normalmente se tende a confundir. Sen embargo, o rigor analítico e interpretativo do autor está bastante ben complementado por unha intuición previa que, en boa medida, xorde da súa condición de galego pensante e sentinte. Comprensión de opostos En efecto, ademais de que el mesmo parece suxerir unha tendencia innata da idiosincrasia galega cara á expresión humorística, a propia concepción do humor como un intento de compresión das caras opostas da realidade, emprazado no terreo fronteirizo e inseguro que separa o riso do pranto, fálanos dun Celestino Fernández de la Vega que, como galego que aparentemente nin sobe nin baixa, está especialmente dotado para nadar entre dúas augas. Esta é, xa que logo, unha das máis precisas e sintéticas reflexións sobre o humor, que debe a súa valía, en boa medida, á óptica conciliadora e plural do autor, e que a nós, os galegos, nos resulta particularmente útil e comprensible.