Proposta educativa en galego

La Voz

LUGO CIUDAD

ÓSCAR CELA

LINGUA E INTERNET

17 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Lugo poñerá en marcha en novembro un programa titulado Ciberlingua, que pretende levar ós alumnos de ESO os contidos que hai en Internet referidos ó idioma galego. Na iniciativa participan os concellos de Santiago, Pontevedra, Ferrol e Vigo, e colaboran na organización a CIG e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. O programa pretende popularizar o uso do galego e das novas tecnoloxías entre os pais, os profesores e os alumnos. A primeira fase do programa consta de talleres formativos para pais e mestres de primeiro e segundo da ESO, así coma equipos de normalización lingüística dos centros educativos. Os cursos, dirixidos a vinte persoas por taller, comezarán o 19 de novembro, e durarán unha semana. As clases desenvolveranse no instituto Lucus Augusti e estarán dirixidas por monitores especializados. Os cursos serán homologados pola Consellería de Educación. O programa terá continuidade en febreiro. Os coñecementos que aprendan os pais e os profesores durante o inverno, aplicaranse cos rapaces nas aulas e nos propios cibers, por ser os espacios habituais de acceso á rede por parte da mocidade. Material Ademais dos obradoiros e das sesións cos alumnos, editaranse guías de navegación destinadas ós profesores. Facilitaranse as ferramentas, as web, os buscadores, as redes e as aplicacións didácticas máis cómodas de Internet. Na presentación do programa, onte no Lucus Augusti, estivo o edil de Educación e Cultura, Ignacio Rodríguez Eguíbar, quen destacou que o obxetivo de Ciberlingua «é crear un espacio galego dentro da rede». Os organizadores queren inculcar a idea de que hai material en galego suficiente como para educar ós cativos a través de Internet. O coste total do proxecto é de doce millóns de pesetas (72.121,45 euros).