ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO
03 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Logo de felicitar a tódolos que traballaron, e felicitarnos porque a Muralla de Lugo xa é patrimonio da humanidade, que se seipa algo da historia de Galiza, e que nos boten unha man para nos axudar, e non para nos roubar. Mais, nesta hora, non debemos esquencernos que unha parte importante desto débeselle a Ramón Falcón, inesquecible lucense, que sendo comisario de Belas Artes polos anos 70, preparou o camiño para o seu recoñecemento, retirando da Muralla unha manchea de casotas adosadas nela que a tapaban en gran parte. Falcón, amigo dese outro gran lucense que foi Álvaro Gil, co que compartiu ideas para beneficiar a Lugo, foi tamén o que conseguiu un trámite relámpago para a protección do antigo recinto de Sargadelos como conxunto Histórico-Artístico, á petición do Laboratorio de Formas. Sen dúbida, a Muralla tivo máis defensores, entre eles está Rof Codina, quen evitou a finais do século pasado que o monumento fose eliminado de raíz. Agora fica non só coidar e restaurar a Muralla (retirar do seu entorno a circulación pesada sería importante), tamén mellorar o que hai dentro dela, e facelo con bo criterio, sen afectación de mexericas, recuperando todo o que ten un valor auténtico, aínda que sexa humilde, eliminando moita cochambre e construccións intranscendentes. Tamén compre estudiar como foi o Lugo romano e a función deste recinto, pois parece excesivo para ser só cabeceira dun dos tres conventus da Gallaecia. Coido que non se coñece un plano aproximado do antigo Lugo coa situación do foro que nos permitiría saber do cardo e do decumeno. Carlos Baltar e outros tiñan a teoría de que Lugo era unha especie de caixa forte para gardar o ouro e importantes lexións que garantizaban os envíos a Roma en convois polo Miño. Os romanos non viñeron a Galiza para vivir con villas, teatros, santuarios... Si, fixeron a formidable ponte do Bibei para cruzar un camiño difícil e comunicar os conventus, e outras pontes de menor rango, ademais da Muralla de Lugo. O que si está claro é que os trouxo a codicia dos nosos minerais. Créese que anteriormente á súa chegada xa comerciaban coa casiterita. Os romanos terían coñecemento de que os pobos asentados na Gallaecia, ¿os celtas?, lucían importantes alfaias de ourivesaría pesada (hai torques de varios kilos). ¿De onde sairía tanto ouro, que tanto precisaba Roma? O Sil levaba pepitas de ouro. Desviaron o río en Montefurado e seguindo o seu curso chegaron ás Médulas de Carucedo, montes de arxila que a choiva ía disolvendo e liberando pepitas de ouro. Fixeron un lago artificial e canalizaron augas para descompoñer as Médulas e lavar o metal con 60.000 escravos (pois non se fiaban dos gallaicos). ¿Como sacar ao mar as cantidades inxentes do precioso metal? Habería que atopar vías de auga navegables para o seu transporte. A Lugo se chegaría polo antigo camiño de Villafranca e Pedrafita. A teoría supón que en Lugo se concentraba o ouro, non só o de Carucedo, pois nun radio inferior a cen quilómetros dende Lugo aínda hoxe aparecen topónimos relacionados co ouro: Ouribio, Ourol, Valadouro, Predouro, Ourao, Ouro, Ouriz... Outro luns falaremos doutros expolios que padecemos.