TRIBUNA | O |
24 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.GALICIA vai nos últimos asentos do autobús autonómico nas novas tecnoloxías. Tamén nisto. Segundo o último EGM, só un 23,6% dos galegos é internauta. Pero a grande pregunta é saber se todos os que quixeran poden. Non. Grandes zonas do rural aínda «conservan» un sistema de telefonía que non permite o acceso á rede. Son máis de 80.000 fogares galegos os que seguen inda así. Algo que enfociña con aquela promesa de que España estaría na avanzadiña de Europa no das novas tecnoloxías. Os anuncios están ben se se cumpren. Por iso que cando se anuncia que no 2006 a metade dos usuarios estarán conectados por banda ancha, esperanza dá pero que desconfiar tamén. Mentres, tamén no rural, moitas das bibliotecas, onde as hai, non teñen aínda conexión a internet. E noutras, como na do concello de Láncara, só o único ordenador que hai, o da bibliotecaria, permite o acceso. E iso dende hai ben pouco. Logo queda claro que o camiño feito é angosto. Non pode agardar xa á telefonía de fíos, amplamente superada polas novas tecnoloxías. Terá que ser o satélite quen revolucione a vida dos que están máis illados. Capítulo aparte son as tarifas.