«A de Nadal é a pedra angular, a Champions da lotaría»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

Manuel Díaz, encargado da administración de Guitiriz, di que os premios dos últimos meses actuaron como un imán para compradores de fóra

09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un premio trae outro ou polo menos produce nos afeccionados aos xogos de azar a sensación de que pode ocorrer iso. Os premios que nos meses pasados se repartiron na administración de Guitiriz xa se notan dende hai moitas semanas, como explica o responsable, que recoñece que tivo que pedir máis números. O segundo premio do sorteo de Reis, o terceiro do da Hispanidade e un primeiro da Primitiva en febreiro, con 8,5 millóns de euros, son razóns do grande interese destas semanas.

-Como van as vendas da lotaría de Nadal?

-Van ‘endiabladas’. A zona está arrasada [ri]: como pasou co Hortensia [ciclón que afectou a Galicia en outubro de 1984], pero coa lotaría.

-Canto inflúe dar un ou varios premios no feito de que logo medren as vendas para o sorteo de Nadal?

-En calquera negocio coma este, dás un premio e aumentan as vendas.

-Prodúcese algo así como un efecto chamada entre xente de fóra?

-Claro. Aquí vén xente de todas partes: Vigo, Pontevedra, Valladolid... Este ano, incluso vendín décimos para Andalucía. Hai xente desprazada, que traballa en polígonos de por aquí, e cómprache.

-Na lotaría de Nadal, tamén se compra por tradición: esa xente que quizais non compra o resto do ano.

-A lotaría de Nadal é a pedra angular de todo o xogo. É a que ten os premios principais, a que se vende máis tempo... É a Champions da lotaría. É lóxico, é normal.

-Axudan tamén as datas do Nadal, nas que a xente fai agasallos a parentes e a amigos e inclúe a lotaría?

-Si. Ademais ponse á venda en xullo. A xente, no verán, xa compra.

-Canto inflúen os veraneantes que veñen en xullo ou en agosto no aumento das vendas?

-É raro que o que vén de vacacións non leve un décimo. Hai xente que vén e leva xamóns ou chourizos no maleteiro. Tamén se leva lotaría.

«En calquera negocio coma este, dás un premio e aumentan as vendas»

O sistema tradicional comeza a alternar co novidoso da venda por terminal  

Unha persona compra un ou varios décimos; outra, unha ou varias participacións. Elixe o número polas razóns que sexa ou queda con el porque non había outro ou non tiña unha idea fixa. Se eses son trazos que se poden ver estas semanas, antes do sorteo do Nadal, hai tamén outros costumes que xa levan algo de tempo. Díaz afirma que a venda de lotaría por terminal vai tendo, aínda que pouco a pouco, un oco cada vez maior. Recoñece de todos os xeitos que os compradores de máis idade non teñen aínda moito interese polo sistema: «Non están afeitos», di.

 Contacto coa xente

Por outra banda, Díaz, aínda que admita a forza das novidades na venda da lotaría, cultiva tamén xeitos de traballo que se poden considerar tradicionais. El di que o contacto cos clientes é unha cuestión moi importante no negocio, e na administración de Guitiriz non faltan os carteis que lembran os premios vendidos nos últimos meses.