Atopan unha mámoa e un castro preto da futura área recreativa da Castronela, en Friol

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

FRIOL

Restos da mámoa de Vilalvite, en Friol
Restos da mámoa de Vilalvite, en Friol PATRIMONIO DOS ANCARES

Patrimonio dos Ancares pide ao Concello e á Deputación que poñan en valor ambos xacementos aproveitando as obras da zona de descanso

17 ene 2022 . Actualizado a las 17:55 h.

Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de documentar dous novos xacementos arqueolóxicos sen catalogar no concello de Friol, ambos preto da aldea do Carballal, na parroquia de Vilalvite. 

O primeiro, explican, trátase dunha mámoa situada a 480 metros de altitude: «Ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e 1,2 de altura. No centro do túmulo vese un cráter de violación aberto para buscar inexistentes tesouros. A súa antigüidade ronda os 6.000 anos, no período Neolítico».

A 200 metros da anterior localizaron un castro da Idade do Ferro. «Chama a atención que estea sen catalogar xa que aínda conserva o evocativo topónimo de A Castronela. Erixido a 476 metros de altitude, presenta forma ovalada, cunhas medidas de 90 por 75 metros. Conserva parte do sistema defensivo en todo o seu perímetro».

Desde o colectivo Patrimonio dos Ancares sinalan que segundo noticia aparecida en La Voz de Galicia do pasado 30 de decembro de 2021, o Concello de Friol e a Área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo asinaron un convenio para o acondicionamento dunha área recreativa situada entre a mámoa e o castro. «Por isto imos a poñernos en contacto coas dúas administracións para comunicarlles estes novos achados que serían un valor engadido para a zona, solicitándolles que os sinalicen», sinalan desde o colectivo patrimonial. As descubertas xa foron comunicadas a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación.

Dolmen coa figura do sol

Por outra parte, o gravado coa figura do sol que o pasado mes de maio de 2021 localizaron nun esteo dun dolmen da necrópole funeraria da Costa de Mera, na parroquia de Guldriz (Friol), despois da comprobación realizada polos arqueólogos de Patrimonio, xa foi documentado, «por posuír esta excepcional representación, escasísima nos enterramentos megalíticos galegos, pasa a ter a consideración de Ben de Interese Cultural».