«A principal especie en risco de extinción nos Ancares é o home»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

CERVANTES

SUSO VARELA

Raúl García, asesor medioambiental da Deputación, sinala que «se a xente vivise nos espazos protexidos, a conservación xa non dependería dun cargo político desde un despacho»

19 oct 2017 . Actualizado a las 22:49 h.

Raúl García é enxeñeiro de Montes pola Escola Politécnica de Lugo, técnico superior en Urbanismo e máster en lexislación ambiental. Logo de dez anos traballando sobre o terreo na súa Fonsagrada natal, onde puido coñecer as peculiaridades do agro lucense, agora é o asesor medioambiental da Deputación.

-A pregunta que se fan todos estes días, quen puido prender lume aos Ancares?

-Partimos de que se deron esta fin de semana as circunstancias meteorolóxicas idóneas e de que viñamos dunha etapa de seca cunha carga vexetal moi abondosa e que só necesitaba que alguén prendese esa mecha. Está claro que nos incendios de Cervantes está a man do home detrás.

-A pesar desas circunstancias meteorolóxicas, podíase previr?

-Para min hai unha premisa inicial da que parte toda a materia de prevención e que se está a poñer enriba da mesa nos últimos congresos sobre esta materia: Se nos Ancares hai unha especie en risco de extinción é o home. E esta idea, cando se deseñan políticas de prevención, nunca se ten en conta. Porque falamos de danos ambientais, da fauna e materiais, ¿pero que pasa co home que vive en espazos naturais protexidos? No caso de Lugo é evidente a pirámide poboacional.

-Se Os Ancares fose unha reserva natural ou parque nacional, ¿habería incendios?

-Seguramente si, porque temos o caso da reserva natural integral de Muniellos, en Asturias, que estes días tamén tivo incendios moi fortes. O que pasa é que un parque ou reserva nacional, cando se constitúen, veñen acompañadas de medidas e axudas que deberían facer máis atractivo vivir en lugares protexidos, e iso redundaría na prevención de posibles lumes. Se a xente vive en espazos naturais como Os Ancares a conservación xa non depende dun director xeral ou dun presidente de goberno. Son os veciños deses lugares os que deben percibir que teñen un tesouro e son as Administracións as que lles teñen que axudar economicamente. Se me restrinxes, axúdame.

-Hai posibilidades económicas para vivir nun espazo como Os Ancares?

-Partimos de que a ruptura social que houbo é moi difícil de recuperar. O home é un ser que necesita relacións entre iguais e hoxe non se dan esas circunstancias nos Ancares, con pobos con apenas un ou dous habitantes. Eu son dunha aldea da Fonsagrada, e cando era neno no meu núcleo había dez ou quince nenos. Por iso, as políticas de desenvolvemento do rural son a vinte ou trinta anos. Dito isto, si que hai potencial económico para vivir neste tipo de espazos, con produtos que poden ter saída comercial. En Asturias conseguírono.

-Que pode facer a Deputación ante este desastre ambiental?

-Como Deputación só podemos facer accións formativas, por exemplo nos colexios, ou buscar programas europeos para desenvolver algunha iniciativa. Aínda así, queremos convocar o órgano reitor da Reserva da Biosfera, no que está integrada a Xunta, o Ministerio de Medio Ambiente, a Deputación e dous expertos da USC, os profesores Rigueiro e Guitián. E tamén convocar o órgano de participación, no que se inclúen asociacións locais, ecoloxistas, veciños, concellos e a AMPA de Cervantes. Queremos analizar cal é a situación e que medidas podemos aportar para recuperar o perdido.

-Tardarase moito?

-As zonas de arbustos, en cinco anos poderían estar de novo recuperadas. As masas arbóreas, máis de 20 anos.