A Libraría Couceiro está xa en mans da segunda xeración aínda que o pai e fundador segue prestando apoio e experiencia ao negocio familiar
13 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Libraría Couceiro é un referente indispensable no mundo do libro en Compostela e en Galicia. O fundador, Xesús Couceiro, é o tronco dunha árbore que floreceu con forza, porque dos tres fillos que trouxo ao mundo Lourdes Caramés, Pablo incorporouse moi cedo ao negocio familiar, con 22 anos, no local de República do Salvador, e María fíxoo uns anos despois, cando abriron a sección de libro antigo e de ocasión na Rúa do Hórreo. Araceli, a máis nova dos tres descendentes, optou por outro camiño, «polo de agora», segundo o pai. É auditora nunha empresa catalá e está vinculada de maneira indirecta á empresa familiar.
A travesía da Libraría Couceiro, a primeira especializada en libro galego, arrincou en 1969 na rúa de San Pedro, onde Xesús abriu o primeiro negocio e revolucionou o sector incluso antes de que morrera o franquismo. O traslado da librería á Praza de Cervantes, a un edificio enteiro no que o día 24 fará un ano que se abriu ao público, no que dispoñen de preto de 400 metros cadrados en plantas abertas e funcionais, «era a única saída de continuidade, porque os outros locais eran alugados, polo que mercar a casa foi o paso definitivo e tamén foi a cousa máis importante que fixen na miña vida en contra dos meus intereses persoais e en favor dos fillos, porque o meu ciclo culminou, e como colofón resulta sentimental, pero non práctico. Nunca me propuxen que continuaran co negocio en plan egoísta, pero tiven claro que era o traballo máis bonito que podían facer, pero cun sentido profesional e porque lles gustase a eles, porque o libro, como as persoas, o que necesita é amor».
Os fillos están de acordo con esa sentencia paterna, pero subliñan que foi un camiño que tomaron libremente e como unha opción profesional. Pablo estudou varios anos Historia e rematou Maxisterio. María estudou Filoloxía e despois fíxose encadernadora, e como tal é a responsable do taller que montaron na última planta da librería para personalizar libros, aínda que para iso teñen a unha persoa polas tardes, porque ela encárgase dos pedidos, da sección de libro antigo e de ocasión e empeza a asumir a de galego. O irmán leva a xestión global «pero sempre consensuada con María, porque compartimos todas as responsabilidades, contando co apoio e a experiencia do pai». Porque nesta gran librería traballan sete persoas e cada un ten un cometido moi concreto e claro na organización interna.
Os retos que supón o novo local e o seu emprazamento, un faro vixía no corazón de Cervantes, son grandes, porque segundo Pablo, «as ventas aumentaron moito, pero a inversión é moi grande e os retos tamén, porque a nosa filosofía de traballo é a renovación. Queremos ser un punto de encontro, un lugar no que a xente se cite».