O Cubano

Fuco Paz Souto

CASTROVERDE

Foi nos anos corenta cando a familia García decidiu retornar a Lugo. Regresaban de Camagüey para instalárense en Castroverde. A viaxe, nun vapor chamado Amparito Roca, ademais de longa e moi cansa foi o presaxio que marcaría a vida do noso protagonista. Din os que coñeceron a Manuel, O Cubano, que o seu corpo herdou o vaivén das ondas ao petaren contra o Amparito Roca; porque O Cubano navegou a través da mar atlántica no seo da súa nai.

O Cubano fora concibido dous meses antes en Camagüey e sete meses máis tarde trocouse en rorró, no lugar de Castroverde.

O Cubano medrou, deixou atrás a infancia, a adolescencia e, xa de mozo, do mesmo xeito que o fixeran os pais marchou de Castroverde para A Coruña. E de mozo comeza o conto. O Cubano non perdía festa. Aló onde houbese unha gaita, unha frauta, un birimbao, unha trompeta, un acordeón? alá onde se puidese cimbrar o corpo estaba O Cubano. Manuel bailábache o agarradiño de moito rediós. E todas as mozas suspiraban por bailaren con el. Cando a orquestra comezaba a afinar os instrumentos, as mociñas do lugar sentaban, coma aboubadas, coa esperanza de seren agasalladas cun «arrimo» do Cubano.

A sona do noso bailarín medraba coma a chorima na primavera e foi en Ponte do Porco na provincia da Coruña, onde O Cubano, por primeira vez, dubidou nun paso de salsa porque mentres executaba o baile coa súa parella, descubriu entre as candidatas a Antonia, que sen prestarlle moito caso tamén se atopaba alí.

Nunca unha salsa tan mal bailara. Os nervios proían nel coma hedra que afoga o castiñeiro. E cando rematou, pediu desculpas á súa parella de baile e agardou por unha nova peza.

?E para o noso distinguido público velaí vai o pasodoble: La Morena de mi copla.

O Cubano achegouse paseniño e nervioso cara Antonia e preguntoulle: concédesme o baile?

O que segue é unha historia de amor que durou xusto até hai uns meses.

O Cubano finou e cando os familiares e amigos estaban a dedicarlle o derradeiro adeus, soou o móbil dunha muller. A melodía, que empapou de saudade o ambiente, era: La Morena de mi copla?