Viladonga, un castro que é un libro aberto

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

CASTRO DE REI

PALACIOS

Persoal da empresa que realiza as escavacións explicou os actuais traballos no xacemento

21 dic 2019 . Actualizado a las 18:16 h.

O pasado pode lerse nos libros pero tamén nun castro. Un castro coma o de Viladonga é «un libro aberto» e «ten páxinas escritas», dispostas para quen desexe mergullarse nese coñecemento. O arqueólogo Tito Concheiro referiuse así este sábado ao castro de Viladonga, onde el e outros profesionais da empresa Terra Arqueos actuaron de guías nunha visita ao xacemento, onde están a realizar traballos de escavación e de investigación.

«Hai que acostumarse a usalos e a velos como equipamentos culturais», salientou sobre os castros Concheiro, que lembrou a «simbiose extraordinaria» entre o persoal que este ano, coma outros pasados, desenvolve labores no xacemento e o que traballa a diario no Museo. De feito, as explicacións —nas que participaron el e outras dúas persoas máis, Yolanda Álvarez e Luis López— tiveron lugar primeiro no museo e logo no castro. O tempo, con chuvia e vento, fixo que a visita ao xacemento se celebrase tras una introdución no salón de actos do museo.

Yolanda Álvarez explicou aos presentes —entre os que había autoridades coma o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado— os traballos desenvolvidos nas última semanas, nos que se continuou na mesma zona na que xa se actuara o ano pasado. A descuberta dun alxibe ou de restos de construcións anteriores ás de pedra foron, como lembrou Álvarez, fitos destacados para situar mellor as orixes do castro e para comprender a súa importancia. Este 2019, como xa publicou este xornal, acháronse tamén restos de casas e de escaleiras de acceso á muralla, unha parte do xacemento que para Álvarez resulta impresionante.

Actividades que se queren continuar e lembranza de Chamoso Lamas

Un acto coma o de este mediodía, cun tempo incluído de cheo neste fin de outono de fortes ventos e de chuvascos, ten unha parte de mérito, ao conseguir que a xente deixe a súa casa para recibir explicacións nun castro. Porén, téntase que non sexa excepcional, pois prevese a organización de percorridos periódicos para que a xente se afaga a visitar ese espazo e a usalo, segundo dixo Concheiro, coma un libro aberto de historia.

Nas explicacións de onte houbo tamén unha lembranza de Manuel Chamoso Lamas e de Ramón Falcón, promotores de escavacións no castro hai décadas. Concheiro sinalou que eses traballos permitiron ademais que os obxectos achados acabasen gardados e expostos onde apareceran. Así se ideou e se xustificou a creación do Museo de Viladonga, inseparable do castro. Este, dixo onte o arqueólogo, é «descomunal» e constitúe un «inmenso tesouro», e permite, pola presenza do museo ao lado, unha visita completa, didáctica e mesmo divertida.