O Belén de Begonte arrasa e bate un novo récord con máis de 20.000 visitas este mes

CANDELA F. ROLDÁN LUGO

BEGONTE

CEDIDA

Con motivo do seu 50 aniversario, o concello lucense contará este ano cun mural orixinal do artista Diego As

31 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de dous anos de pandemia, o Belén de Begonte volve á normalidade por todo o alto. No que vai de mes, o belén xa rexistrou máis de 20.000 visitas, a pesar de que ata o día 24 só se abriu ao público sábados, domingos e festivos. Neste momento, e ata o día de Reis, abre todos os días (de 11.00 a 13.00 e de 16 .00 a 19.00 horas).

O promedio de asistentes cada día de apertura supera as mil persoas, tendo xa visitantes formando cola a primeira hora. «A semana pasada vivimos un novo récord, porque atendemos a sete grupos nunha mañá e un deses grupos estaba formado por 150 persoas», explica Xulio Xiz, o vicepresidente do Centro Cultural José Domínguez Guizán, que é o encargado de organizar cada ano o famoso belén.

A propósito do 50 aniversario do Belén de Begonte, os organizadores non dubidaron en levar a cabo unha nova iniciativa para que cada parroquia do Concello contase cunha escultura relacionada con este acto.

O belén reestrutúrase cada ano, polo que o público sempre se atopa con algunha que outra sorpresa. «Cada ano hai un belén novo. É certo que non se tocou moito dende que morreu José Rodríguez Varela, o seu fundador, pero agora temos que pensar en evolucionar e sementar novos horizontes», asegura Xulio Xiz.

O ano pasado, os organizadores crearon unha modalidade online para que o público puidese acceder ó belén sen necidade de acudir presencialmente. «A covid non nos permitiu recibir a tanta xente, xa que os aforos eran moi limitados, pero decidimos levar o belén á casa da xente a través dunha guía online que ofrecemos en galego, español e inglés», explica o vicepresidente do Centro Cultural José Domínguez Guizán.

Diego As, a nova aposta

Renovarse ou morrer. O artista urbano Diego As, considerado o mellor muralista do mundo polo seu traballo do César na Ronda da Muralla en Lugo, comprometeuse a facer un mural do Belén de Begonte no seu Concello para conmemorar a xa considerada obra artística de Begonte ao recibir o recoñecemento de Interés Turístico Galego en 2014.

Por outra banda, Xulio Xiz recomenda aproveitar a visita para ir de paso ó museo contiguo, que foi conservando as pezas retiradas con motivo da renovación do belén, incluído o primeiro mecanismo que o movía os primeiros anos.

Ademais do movemento das pezas, este é un belén cuxas figuras son artesanais e cuxo percorrido se acompaña de música e efectos especiais, que mostran fenómenos meteorolóxicos, así como a noite e o día.

O seu belén en movemento nunca deixa indiferente a ninguén, e o que naceu como unha actividade turística en Begonte, converteuse en todo un ritual do Nadal ao que acoden miles de persoas todos os anos por estas datas dende a súa fundación en 1972.