Pablo Sobrado: «Se queremos ter hostalería formada, hai que pagarlle o que lle corresponde»

FErnando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

ANTAS DE ULLA

MIGUEL MIRAMONTES

O director do CIFP Paseo das Pontes aproveita o verán para facer cambios no centro e preparalo para o curso que vén

26 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Sobrado (Antas de Ulla, 1962) recorreu toda España como profesional da hostalería ata que no ano 2000 decidiu darlle unha oportunidade a outra grande paixón: o ensino. E no 2013 recalou definitivamente no Centro Integrado de Formación Profesional Paseo das Pontes, que dirixe desde fai dous anos. «O meu é a docencia, pero alguén ten que facer as cousas de despacho e tomar responsabilidades, así que aceptei cando mo propuxeron», explica Sobrado dese ese centro no que uns mil alumnos estudan Hostalería e turismo, Téxtil, confección e pel e Industrias alimentarias.

—Teñen unhas instalacións ben amplas, pero é que tamén son moitos.

—Non temos espazos libres, a verdade. De feito, de cara ao curso que vén teño que dividir algúns espazos para facer aulas máis reducidas para estes grupos que pasan a segundo e que non pasan todos os alumnos. Teño que adaptar talleres, actualizar o mobiliario para empezar o curso que vén sen problemas. Por iso hai que facelo todo en verán.

—Pero pódese un matricular aínda no centro?

—A consellería colgou xa a oferta do centro no portal e o día 23 abriuse a matrícula. Este ano houbo algunha modificación na oferta, veremos cómo de atractivos son eses cambios para o alumnado.

—Moito cambiou nestes últimos anos a concepción que tiña a sociedade da Formación Profesional.

—Antes era o irmán pequeno da universidade. Era unha cousa para aqueles que non valían para estudar. Pero a cousa cambiou moito. Agora e case o contrario. A FP adquiriu un prestixio que conseguiu —aquí en Galicia, que é un referente nacional—, grazas a esta rede de centros integrados, que agora somos 26. Somos centros referenciais, a elite dentro da FP. Desde a Xunta apostouse moito por esta formación e, afortunadamente, seguen apostando.

—Como anda o tema de atopar emprego para os titulados en FP?

—Podemos dicir que o alumnado de FP ten pleno emprego, unha inserción laboral de practicamente o cen por cen. O que necesitamos é xente que queira traballar. Mesmo temos alumnos que veñen da universidade e que para atopar emprego veñen facer un ciclo superior.

—Teñen alumnos de todo tipo...

—Hainos de 16 anos e outros previos a xubilarse. Temos unha oferta modular que se adapta a esas persoas que non poden acudir a clase de ordinario, que teñen circunstancias de traballo ou familiares que non lles deixan asistir nun horario regular. Así que desta maneira se lles permite vir a clase polas tardes. E ademais este ano imos darlle un impulso á FP a distancia. Non é que sexa todo desde a casa, senón que é un modelo semipresencial. É algo fundamental, porque así podemos darlle oportunidades aos estudantes que teñen que traballar pero que queren facer os seus estudos, polo que precisan dunha oferta máis flexible. E, por suposto, favorecemos a conciliación familiar e a incorporación de xente que está no rural e que non se pode permitir desprazarse ao centro todos os días.

—Hai moita polémica co tema de que os empresarios hostaleiros non atopan xente para traballar de cara ao verán. Como ven esta situación desde o centro?

—Vémolo con moita preocupación. Hai xente formada, por suposto. O que pasa é que para reter o talento, a esa xente que está formada, hai que pagarlle o que lle corresponde, ao nivel da formación que ten, e respectarlle os horarios laborais. Iso non pode pasar en Galicia, que é unha comunidade autónoma referente tanto en FP como en hostalería. Un referente a nivel mundial, xa que nos concursos aos que nos presentamos polo mundo adiante sempre quedamos en bos postos. Pero se queremos conservar ese talento, temos que pagalo. Ademais, os alumnos queren rematar a súa formación no estranxeiro, aprender outras linguas e ter esa experiencia. Para iso temos os Erasmus. E se atopan traballo fóra mellor remunerado, non van querer volver. Temos que saber adaptarnos e afrontar esta realidade, porque Galicia ten moito que dicir en canto a turismo, e hai que estar á altura.

«Intentamos que os nosos alumnos adquiran, ademais, valores de solidariedade»

Unha das facetas formativas da que Sobrado se mostra mais orgulloso é a humana. Máis aló do profesional hai unha dimensión que non descoidan no Paso das Pontes, polo que teñen creado iniciativas como Paseolidarios: «Queremos darlle unha personalidade propia ao centro, que o noso alumnado, ademais de formarse como profesionais, adquira uns valores de compromiso e responsabilidade. Realizamos accións que, aínda que sexan pequenas, teñan un impacto social», asegura.

—De qué maneira fomentan esa solidariedade?

—Por exemplo, a través da sustentabilidade e o consumo responsable en todos os procesos de funcionamento do centro. Coidando o fin que lle damos aos produtos xerados nas nosas aulas, porque non todo se consume, claro. Falo tanto das comidas como da roupa. Así que decidimos facer doazóns con diferentes entidades sen ánimo de lucro como Casco, Boanoite, o Banco de Alimentos ou Mulleres colleiteiras, ás que damos o aceite usado.

—Tamén teñen a FP adaptada.

—Estou moi orgulloso disto, a verdade. Colaboramos co Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes, de Aspronaga. Tivemos xa antes experiencias en talleres con persoas con discapacidade nas que viamos que adquirían rápido destrezas dentro do plan de formación. E cando o itinerario do ensino xa non é obrigatorio, atopamos que faltan oportunidades de formación para esta xente. Así que decidimos facer esta pilotaxe inclusiva na que se integran estes alumnos na aula taller do ciclo medio de Panadería, repostería e confeitería. Remataron, por suposto, facendo prácticas nas empresas e agora teñen o seu título oficial.