Celtas

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

A FONSAGRADA

O FIADEIRO | O |

05 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NON É ningunha entroidada afirmarmos que se está recuperando, expandindo e prestixiando a raza dos porcos celtas. Hai crías desta especie autóctona que nacen nunha granxa de Pesadoira (Negreira) e, despois dunha viaxata de oeste a leste -atravesando un bo anaco de Galicia-, chegan á estabulación libre de Liñares de Vilafurada: unha finca de 12 hectáreas nas terras montesías da Fonsagrada. Sobre os porcos celtas mesmo existen dúas páxinas na Rede, segundo me fixo saber o veterinario Pablo Valledor, nunha merenda á que nos convidou na súa casa de Bertamiráns. A primeira web (porcocelta.com) incorpora uns sons simpáticos -tipo roncexo e fozadura- tipicamente porcinos, pertence a Asoporcel e domicíliase en Triacastela. A segunda das páxinas (porcoceltafonsagrada.com) foi creada polos asociados a esa empresa fonsagradina, entre os que se atopa o propio Pablo. Por un sistema de leasing, os seareiros poden seguir o proceso do animal ata a súa matanza, e recibiren os produtos ben envasados ó seu gusto. As dúas webs teñen albums de fotos e varias historias. Modernidades. Recuperación, si. Pero, con todo, é ben seguro que nestes días baixou o censo de bacoriños e porcos celtas, por mor dos excesos gastronómicos entroidais. Que aproveite.