A Ribeira Sacra conforma unha das nosas paisaxes máis singulares. Nela, o cultivo da vide foi modulando o territorio durante séculos. A chamada viticultura heroica deulle a estrutura de socalcos que descenden polas abas do Miño e do Sil e permiten ás uvas captar o sol con toda a súa forza. Agora, dous mil anos despois de que os romanos estendesen a cultura do viño, comezan a probarse drons para trasladar as caixas de uva e salvar o desnivel das ladeiras.
Hai forza simbólica no contraste entre esta tradición milenaria, que parece nacida da terra, e unha tecnoloxía que asociamos ao futuro. Mais a contradición é só aparente. Probablemente sexa a tecnoloxía a que, ademais de transformar as prácticas, permita conservalas. Porque unha paisaxe cultural non se mantén simplemente mediante declaracións patrimoniais nin coa mirada de quen a visita: cómpre facer viable a vida das persoas que a sustentan. Modernizar o rural non significa asimilalo ao espazo urbano, senón poñer ao seu servizo os avances que respondan ás súas necesidades. Chamamos heroica á agricultura da Ribeira Sacra porque esixe vencer pendentes case imposibles, pero o heroísmo non debería ser unha condena laboral nin a única garantía de supervivencia. Se os drons poden aliviar o esforzo e contribuír ao relevo xeracional, serán tamén unha ferramenta de conservación.
Onde durante séculos houbo viticultura heroica comezará a haber viticultura tecnolóxica. E iso permitirá que as uvas sigan medrando nos socalcos, ateigadas de sol, e que continúen sendo os padais humanos os que gocen do seu sabor e do viño. Polo menos mentres a intelixencia artificial non adquira padal e papilas gustativas. E, se algún día chega a adquirilos —que pode ser—, serviranlle para mellorar os procesos como enóloga. Se decide brindar sen nós, iso xa é outro tema.