Agora que xa asumimos o revés de que a Ribeira Sacra non recibise a declaración de Patrimonio da Humanidade, e tras a indicación de que o que cómpre é seguir traballando na candidatura, lemos nas páxinas deste xornal que as pallozas de Piornedo están en risco e que os veciños consideran insuficientes os 100.000 euros destinados á súa conservación. Algunhas presentan zonas descubertas polas que se filtra a auga. E todos sabemos que aí reside o punto fraco de calquera edificación: cando a auga entra, comeza de inmediato o seu traballo silencioso e axiña se ven afectados os materiais e as estruturas.
A conxunción de ambas noticias fálanos do longo e complexo proceso de preservación e posta en valor do patrimonio que nos foi legado pola historia. Cómpre, en primeiro lugar, conservalo; e logo, certamente, dalo a coñecer e facer visible o seu valor. Ambos aspectos se retroalimentan: aquilo que unha sociedade valora ten máis posibilidades de recibir os recursos necesarios para a súa protección; e aquilo que se conserva pode ser estudado, visitado, transmitido e, eventualmente, recoñecido máis alá de nós.
A Muralla de Lugo non comezou a ser valiosa o día en que a UNESCO a declarou Patrimonio da Humanidade, nin a Ribeira Sacra deixou de selo porque a candidatura non prosperase. Os recoñecementos non crean o patrimonio: certifícano, visibilízano e contribúen á súa proxección. Quizais unha das dificultades reside en que resulta máis vistosa unha declaración, unha candidatura ou unha inauguración ca a reparación dunha cuberta, a limpeza dun muro ou a substitución periódica da palla dunha construción tradicional. Porén, é nese labor constante, discreto e pouco espectacular onde se decide realmente a supervivencia do patrimonio. Porque o patrimonio non só o que recibimos senón, sobre todo, aquilo que sexamos capaces de entregar en pé aos que veñan despois.