Ónega e máis eu eramos do 47. En Pol como en Vilalba o párroco emitía os certificados de boa conduta espiritual, e o Alcalde e xefe local do Movimento de afección ao réximen, e sen eles non eras ninguén. O único local que os rapaces tiñamos para o lecer era o do Frente de Juventudes, da OJE. Eu, para ser mestre, tiven que ser Instrutor do Frente de Juventudes, como as rapazas tiñan que facer o Servizo Social na Sección Feminina do Movemento. Se naqueles anos había alguén de esquerdas, non era o momento de manifestalo.
Esto ven a conto porque o BNG de Lugo ten que estudar se vota a Fernando como Fillo Adoptivo de Lugo porque durante o Franquismo traballou en medios do Réxime, cuestión da que pasan PP e PSOE que queren facer xustiza ao xornalista que saíu de Lugo para ser universal.
Ónega puido loitar na clandestinidade antes de que Franco ao morrer dese paso á liberdade, pero naquela España dos medios amordazados, as radios non podían dar máis ca información local cribada, e os xornais facían malabares para ir publicando temas que nos fosen abrindo os ollos.
Ónega traballou na prensa posible ata a morte de Franco, pero foi a man dereita de Adolfo Suárez, que trouxo a democracia, e falaba con palabras de Fernando. E o xornalista tivo gloriosa traxectoria en medios libres —Ser, Cope, Onda Cero, «Ya», Tele5, Antena 3... —e foi o comentarista libre máis seguido deste país.
Negarlle a Ónega o lucensismo de adopción só pode explicarse por non ter vivido aqueles anos nos que nos obrigaron a crer que ter un Xeneralísimo dirixindo os nosos destinos éra a máis orixinal e segura forma de vivir nunha Unidade de Destino no Universal.