Lugo foi protagonista na XXIV edición dos Premios Mestre Mateo, que se celebraron por primeira vez na nosa cidade, no auditorio Fuxan os Ventos. Entre os premiados houbo unha notable «conexión lucense», intensísima no caso de 360 curvas, un filme, galardoado como mellor documental, que nos achega ás reivindicacións dunha Fonsagrada esquecida, con curvas —entre esas 360— que, como din no propio filme, teñen nome. Na gala, os seus creadores declararon: «Gañar en Lugo foi moi especial. Estabamos representando á Fonsagrada».
Tamén ten conexión lucense Sirat, a través do noso ilustre veciño da aldea de Vilela, que chegou a Lugo case directo da gala dos Óscar. Malia os espazos afastados nos que transcorre a trama, fíxense nesas imaxes de camións atravesando o deserto: cando menos un deles leva matrícula LU. E de moi cerca de Lugo é Pepe Coira (Rábade, 1963), o guionista da grande gañadora da noite, Antes de Nós, inspirada na figura de Castelao. Este ilustre paisano noso foi artífice dos guións de Mareas vivas, As leis de Celavella, Hierro ou Rapa.
Que os Mestre Mateo se celebrasen por primeira vez aquí é un feito que fala da importancia das infraestruturas: isto non sería posible sen un auditorio capaz de acoller a 900 persoas. É, mesmamente, a mesma cuestión que latexa en 360 curvas. Sabemos o que demorou o auditorio e como se adía a autovía con Santiago ou a mellora das conexións ferroviarias, das que Lugo semella ter quedado á marxe. Estes premios amosan que o talento existe; o que cómpre son condicións reais para agromar, conectarse e fluír. Lugo destaca polo seu sector primario; mais tamén está xa na primeira liña das industrias culturais, pero corremos o perigo de quedarmos atoados nunha das reviravolta do camiño. Non pensamos consentilo. Mesmo se hai —como no premiado documental— que desfacelas coas propias mans. Diso falan tamén estes premios: de talento que precisa vieiros abertos. E, como berrou no transcurso da gala Adrián Méndez, «Viva a montaña!»