Numerosos artistas de Lugo, referentes no audiovisual galego, como Pepe Coira, Xoan Fórneas ou Luis Tosar, ademais de Oliver Laxe, tiveron presenza en varias das categorías na primeira vez dos galardóns na cidade. «360 curvas» levou o galardón a mellor documental
22 mar 2026 . Actualizado a las 03:08 h.Os premios Mestre Mateo iluminaron Lugo este sábado. A cidade converteuse na capital do audiovisual galego nunha edición especial por varios motivos. Porque foi a primeira vez que se celebrou en Lugo, con impresionante acollida do público xa en xornadas anteriores, e porque tivo un marcado acento local. Numerosos profesionais lucenses, nomeados nalgunha das 25 categorías, regresaron á súa terra para participar nunha noite que combinou recoñecementos e reencontros.
Para moitos deles, a cita tivo tamén un compoñente emocional. Referentes no sector como Luis Tosar, Pepe Coira, Xoán Fórneas ou Oliver Laxe volveron á súa terra non só para competir polos galardóns do audiovisual galego, senón tamén para compartir o momento co público da súa cidade, epicentro onte da industria.
O auditorio Fuxan os Ventos ateigouse de persoas expectantes ante os grandes premios do audiovisual galego, liderados por Sirat, de Oliver Laxe, que se fixo co galardón a mellor película, e Antes de Nós —dirixida por Ángeles Huerta e escrita por Pepe Coira—, que concentrou a maioría de galardóns artísticos e técnicos.
Dáse a casualidade de que o ano no que os Mestre se estrean na cidade amurallada o talento de Lugo tivo, como dicimos, gran protagonismo. Quizais máis ca nunca. O filme Antes de nós, que obtivo 13 recoñecementos e se impuxo a Sirat en mellor dirección, ten identidade lucense. E non pouca. Escrita polo rabadés Pepe Coira, conta entre os seus actores principais con Xoán Fórneas, natural de Lugo cidade. Mesmo de xeito indirecto os galardóns teñen xerme lucense. A actriz Cris Iglesias, de A Coruña, que recibiu o premio a mellor interpretación feminina protagonista tamén por Antes de Nós, recordou que seu avó era lucense. «Escondeuse nos montes por ser antifascista. Nós non queremos vivir con medo. Non as guerras», berrou Iglesias.
E seguindo co selo lucense, tamén a actriz Alba Loureiro, de Lugo, acudiu aos Mestre Mateo porque a súa serie Contando los días —tamén de Tania Medina — estaba nomeada a mellor serie web. Finalmente non se fixo co premio, pero Loureiro transmitiu unha emoción contaxiosa dende que entrou pola porta do auditorio. Tamén porque O home perfecto, de Voz Audiovisual, na que ela é protagonista, estaba nomeada a mellor serie e televisión. «É a primeira vez na miña casa. Facía falta que os premios chegasen á cidade», exclamou. Sen esquecerse da presenza do gran Luis Tosar, de Cospeito, nomeado a mellor interpretación masculina protagonista por Golpes. Non levou o premio, pero puxo en valor todo o audiovisual galego.
O gran premio de «360 curvas»
Un galardón que chega con especial satisfacción para a provincia lucense e o de mellor documental para 360 curvas. Unha peza de Alejandro Ga?ndara Porteiro e Ariadna Silva Ferna?ndez, con vídeos de arquivo do fotógrafo fonsagradino Manuel Fernández, e que revive a loita colectiva de A Fonsagrada nos anos 90 ante a perda de servizos. «Queremos dar as grazas a toda A Fonsasgrada por ser un exemplo de dignidade e por demostrar que a unión fai a forza», celebrou Ariadna Silva nada máis recoller un premio que os enche de ledicia.