As Gándaras prepara cinco días de festa: «A nosa idea de verbena no barrio é intentar achegarnos ás distintas idades»
LUGO
París de Noia, Los Satélites e Marbella encabezan o cartel do San Xosé no barrio de Lugo. Tampouco faltarán a sesión vermú «non stop» con oito horas de música ininterrompidas e propostas pensadas para os pequenos e tamén para os maiores
09 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O barrio lucense das Gándaras comeza a conta atrás para celebrar as festas do San Xosé. A comisión prepara de novo cinco días de festa pensados para todos os gustos. O programa comeza o mércores 18 coa actuación de París de Noia, despois do chupinazo. O día do patrón, o xoves, estarán Los Satélites e o sábado 21 é a quenda de Marbella e Tapyoka.
Pero que grandes formacións da verbena galega, e con estilos tan diferenciados, coincidan no programa non é casualidade. É o obxectivo dos organizadores, que buscan achegarse ás distintas xeracións. «Esa é a nosa idea de verbena aquí no barrio, buscamos conxuntar a todas as idades. Realmente sabemos que París, Panorama e Combo son fortes e traen a moita xuventude, pero tamén temos que pensar nesa xente que son menos xuventude e que lles gusta outro tipo de orquestras. Buscamos esa mestura para que sexa un conxunto harmónico», conta Jairo López, que forma parte da comisión dende fai xa 16 anos.
Traballar con antelación
Todos os membros desfrutan edición tras edición da cita coma uns veciños máis, aínda que asumir a responsabilidade de organizar o programa esixa moitas horas, que sacan sempre do seu tempo libre, e empezar a pensar os grupos do ano seguinte no propio campo da festa. «Tes que traballar con bastante anticipación sobre un presuposto ficticio. Levamos moitos anos e vas facendo a festa cun presuposto aproximado, pero é iso, aproximado, non sabes que vas a conseguir. Ti contratas un programa baixo unha cantidade que cres que vas a xuntar e chega o 1 de febreiro e tes o presuposto ao lombo».
Di que é difícil e mesmo algo arriscado e máis despois de anos nos que os custos se foron incrementando. «Dende fai 13 anos ata agora igual se encareceu todo un 50 %. Loxicamente as cotas non soben así, os veciños fan o seu esforzo e nós agradecidos, pero tamén hai unha crise e complícase todo. Por iso tamén negociamos prezos máis populares e rebaixamos as copas a cinco euros durante as festas».
O sábado ás cinco tamén organizan a festa infantil e unha merenda para os máis cativos, mentres que os maiores da residencia das Gándaras poderán desfrutar da actuación de Ayxa Romay o venres 20. «Temos que tratar de incluír a todas as idades, desde os máis pequenos ata os maiores. Algúns non poden saír da residencia, entón levarlles unha actuación é coma un día de alegría, porque hai que integralos igualmente na festa».
Sesión vermú «non stop»
O mércores, no descanso da París, actuará o Dj gañador do primeiro concurso de Djs amateurs organizado en Muimenta. A Charanga 555 que estará o xoves pola mañá, a churrascada veciñal do venres e o pasacalles do domingo completan as actividades.
De novo, nesta última xornada de festa a sesión vermú «non stop», formato que comezaron no 2024 a modo de proba e que incorporaron outras celebracións, volve a formar parte. «É algo que chegou para quedarse. Pensámolo un ano porque sempre facíamos o mesmo, a sesión vermú botaba ata as seis da tarde pero sen música e non había quen marchara para a casa. Entón animámonos».
Escaparate, Cosmedeejay, Dmiró, Edu Yepes e Patakiña serán os encargados de poñer música, o vindeiro día 22, desde as 14.15 ata as 22.00 horas. «Con isto conseguimos que pola noite ao non haber festa e sendo domingo a xente poida descansar e que non haxa ruídos, que é algo que se agradece». Neste último día de festa e antes de dar comezo a sesión musical, tamén terá lugar o pregón da man de Fran do Cruce.
«Ultimamente facemos o pegón o último día da festa para que sexa algo distinto e sempre llo damos a un veciño do barrio. Fran leva toda a vida cun bar aquí, xunto ao campo de fútbol, quizá é a referencia na hostalaría aquí nos últimos 40 anos. É unha persoa moi coñecida, leva toda vida colaborando e sempre estivo axudando».