Estes días, nos que estamos a celebrar os 90 anos da primeira emisión de Radio Lugo, é inevitable sentirmos o imperceptible e inapelable paso do tempo. En outubro de 1935, só uns meses antes do alzamento, produciuse a primeira emisión na nosa cidade, captada por 400 receptores. E aí estivo xa a voz de Trapero Pardo, que, durante tantos anos, seguiría a desexarnos «bo proveito, amiguiños!» e que, dende a súa voz, a súa palabra e a graza do seu Pelúdez, foi cronista da historia de Lugo no século XX.
O meu avó lembraba sempre a fonda emoción da primeira vez que escoitou unha emisión de radio. Supoño que aconteceu algo máis tarde desa primeira emisión pioneira, pois non creo que estivese na aldea de Tremeado unha desas primeiras 400 radios. O caso é que, desde que a descubriu, non a abandonou nunca. Mesmo nos seus derradeiros anos, cando xa o oído non era tan fino e a caterva de netos montaba balbordo. Sentaba cos auriculares a escoitar «o parte» e pedía silencio cada hora en punto. «Shhhhhhh, calade, deixade escoitar o parte». Por el souben da radio Pirenaica e do que supuxo este medio de comunicación durante a guerra e a ditadura. Nin sequera a chegada da tele puido eclipsar o engado que lle causaba esa compañeira que conta, que canta, que nos acompaña de xeito pouco invasivo.
No século XXI, a radio reinventouse e acadou, se se quer, maior relevancia a través dos podcast. A rede permite escollermos programa e escoitalo cando nos conveña, por exemplo acompañando unha viaxe ou os intres antes de durmir. Xa non cómpre estar esperta na madrugada da fin de semana para gozar, poño por caso, de La rosa de los vientos ou do podcast en galego Fóra de mapa. O meu avó regaloume a miña primeira radio: negra, medianiña. Gorentábame durmir con ela. Agora poño os podcast no teléfono. Canto mudou e canto segue sendo o mesmo nestes 90 anos! Bo proveito, amiguiños!