A memoria colectiva está inscrita nos espazos públicos. Os nomes das rúas, as placas conmemorativas, os roteiros literarios e os monumentos e as estatuas conforman un inventario que, de xeito máis ou menos perceptible e con maior ou menor presenza na vida cotiá da cidade, vai marcando os fitos máis importantes dos lugares polos que transitamos. No Campo Castelo veñen de inaugurar unha placa en recoñecemento á xinecóloga pioneira Ángela Pardo Celada, unha nova homenaxe que, neste caso, se afasta do maioritario no repertorio das nosas rúas pola súa condición de muller e pola súa dedicación á medicina, fronte ao perfil dominante de home do ámbito da cultura ou a política.
A traxectoria de Ángela Pardo lémbranos o difícil e singular que era a dedicación ao estudo e ao desempeño da medicina hai relativamente pouco tempo por parte dunha muller. Nacida en 1904, non só estudou esta carreira, senón que se doutourou e ampliou estudos en Alemaña; mais os seus logros só foron posibles grazas ao clima de apertura dos anos anteriores á Guerra Civil e á ideoloxía liberal do seu pai.
Aínda que transitemos, decote, por rúas con nomes que xa esquecemos hai moito tempo, a súa presenza permite o xurdimento da curiosidade e tamén a creación de proxectos educativos que se achegan á historia desde unha perspectiva contextualizada; por iso é importante que prestemos especial atención a figuras de noso, relevantes na historia de Lugo, e que nos conectan con logros colectivos e co significado de épocas e procesos que nos conformaron. Todas as mulleres lucenses que puidemos estudar e desempeñar profesións derivadas dos nosos estudos estamos, tamén, directamente vencelladas a esta placa e ao papel das pioneiras que loitaron por conseguiren o que aínda era insólito.