Sr. Alcalde: ¡30 anos!

Xulio Xiz

LUGO

13 oct 2025 . Actualizado a las 17:35 h.

Veñen de cumprirse 30 anos do pasamento de Xosé Trapero Pardo, home sabio, escritor, académico, amigo do que tantos aprendemos tanto. Era o Cronista Oficial de Lugo, gardador da memoria, e o Concello pagáballe o seu traballo cunha «presa de machacantes» (Isidro Novo dixit), quizais o equivalente a quince euros ao trimestre.

Con Trapero morreu o Cronista. No canto de ter a valentía de nomear un cronista independente que conte as cousas de hoxe para o futuro, o alcalde convocou un concurso de paripé entre as xentes da cultura. Como aos concursos cárgaos o demo, saíron os nomes de Felipe, Adolfo e Xulio, que non eramos o que el buscaba. E van trinta anos de covardía —da alcaldía ou da institución— que avergoñan á cidade.

Teño dito moitas veces que «grazas», que é unha honra; que «Domine, non sum dignus». Que hai que elixir entre Felipe e Adolfo (Entre Adolfo e Felipe), que se daquela valían, agora moito máis. E o concello ten o deber moral de tomar en serio esta afrenta a dous intelectuais, menospreciados por unha institución chamada a respectar a todos, e naturalmente aos «primus inter pares».

Cáeme ben este Alcalde. Representa dignamente á cidade na que vivo. Creo que non caería no erro estrepitoso do seu antecesor, e mesmo que pode tentar dar solución necesaria e xusta a un problema que quizais non sexa dos máis urxentes e vitais para a marcha do concello, pero manca.

Felipe e Adolfo (Adolfo e Felipe) merecen un respecto e unha disculpa do seu concello. A súa bonhomía, saber e traballo, non merecen —ninguén merece— un trato así de despectivo por parte da institución que representa á cidade onde viven.