O festival Parga Rock celebra a súa oitava edición os días 5 e 6 de setembro cunha decena de bandas galegas e nacionais
04 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A primeira fin de semana de setembro, os días 5 e 6, a carballeira de Parga volverá vibrar co son das guitarras e coa forza dun festival que xa se fixo un nome propio no calendario cultural galego. O Parga Rock chega á súa oitava edición consolidado como un encontro único: un dos poucos festivais de rock puros en Galicia e, ademais, de balde.
Mais o Parga Rock non é só música, é un espazo de convivencia, de encontro entre xeracións e de celebración da vida comunitaria. «É un festival moi familiar», apunta Martín Rábade, un dos organizadores. O cartel musical comparte protagonismo con outras actividades, como o Parga Rock Enxendriños, pensado para os máis pequenos, ou o xa clásico Aberto de Billarda, que cada ano organiza a asociación O Varal.
A localización tamén é parte do encanto: a carballeira á beira do río Parga, un lugar cargado de historia e natureza, onde se respira tranquilidade. Aquí non hai ringleiras interminables nin problemas de aparcamento, e ao mesmo tempo está ben comunicado coas grandes cidades galegas, co occidente asturiano e mesmo co norte de Portugal.
Unha aposta polo rock e polas bandas emerxentes
Desde os seus comezos, o festival tivo dúas metas claras. Por unha banda, dinamizar a vila de Parga e, por outra, dar visibilidade ás bandas novas. «Queríamos que a xente descubrira un pobo que tivo tempos de gloria e que segue a ter moito que ofrecer, e ao mesmo tempo bindarlles aos grupos emerxentes un escenario real, compartindo cartel con bandas xa consagradas», explica Rábade.
A selección musical é ampla e variada: do rock clásico a diferentes estilos de metal. Sempre hai presenza de bandas emerxentes, grupos que cantan en galego e algunha banda grande que atrae público de todas as idades. Polos escenarios do Parga Rock xa pasaron nomes históricos como Reincidentes ou Evaristo, e este ano repiten a fórmula.
O cartel deste ano
O festival arranca o 5 de setembro pola noite cos concertos de Urko (Santiago) e Akelarre (Vigo). O día grande, o 6, comezará cunha vermú rockeira a cargo de Vimbio (Ponteareas), antes de dar paso ao Aberto de Billarda (17.00 h) e ao espectáculo infantil Pituquito Literal de Trécola Producións.
Xa entrada a noite, a carballeira tremerá coa forza de Porco Bravo (Barakaldo) e No Konforme (Madrid), que encabezan un cartel que tamén inclúe a Meu (Deza), Pölvora (Valencia), Perpetual (A Coruña) e o set de DJ Jordi Pánico (A Coruña). Todo con entrada de balde e cunha zona de acampada para gozar da experiencia completa.
Organización con pasión
O Parga Rock mantense vivo grazas ao esforzo dun pequeno grupo de veciños —actualmente só tres levan o peso da organización— e á implicación do pobo. O financiamento chega nun 75% de eventos propios ao longo do ano: desde sesións vermú ata o Magosto, pasando por presentacións de merchandising que se converten en auténticas festas. O outro 25% procede de axudas oficiais, principalmente do Concello de Guitiriz e da Deputación de Lugo.
Esta fórmula permite que o festival sexa practicamente autoxestionado e libre de presións externas, unha característica que lle dá autenticidade e fai que cada edición sexa fiel ao espírito co que naceu.
Un festival que tamén conta historias
Outro dos sinais de identidade do Parga Rock é o seu coidado traballo gráfico. Os carteis, deseñados maioritariamente por Jorge Pérez Polín coa colaboración de Afonso Losada, incorporan símbolos locais: a feira quincenal, a memoria do tren e das estacións —cuxos 150 anos se lembran este ano— ou o polbo, que xa se converteu na mascota oficial do festival.
Para Rábade, o éxito do festival está en que consegue ser próximo e auténtico: «A música é cíclica, o rock nunca desaparece». O Parga Rock é un compromiso coa cultura, co rural e coa música. Unha festa que transforma unha pequena vila nun punto de encontro para amantes deste xénero musical e de todas as idades.