O músico ourensán actuará o domingo 17 en Triacastela como parte dos Concertos do Xacobeo para celebrar o seu 25 aniversario
15 ago 2025 . Actualizado a las 10:37 h.Triacastela vestirá as súas mellores galas o próximo 17 de agosto para celebrar unha xornada festiva por partida dobre, a 6ª edición da Festa do Peregrino e a festa na honra a San Mamede. Música, tradición e espírito camiñante mesturaranse nas rúas desta vila do Camiño de Santiago, que se converterá nun punto de encontro para veciños, visitantes e peregrinos.
Entre os momentos máis agardados da programación está a actuación de Emilio Rúa, que subirá ao escenario para celebrar cos asistentes os seus 25 anos de carreira. Cunha traxectoria marcada por nove discos, colaboracións de luxo e cancións que xa forman parte da banda sonora de moitos galegos, o cantautor ourensán ofrecerá, ás 19:30 horas, un repaso polas súas pezas máis emblemáticas.
—Publicou o seu primeiro disco no ano 2000. Que se sente ao recordar estes 25 anos de traxectoria na música?
—Sinto satisfacción polo feito de resistir tanto tempo no mundo da música e, sobre todo, por facelo en galego. Lémbrome da cantidade de sitios e aldeas nas que actuei, sobre todo en Galicia, que é o que máis me emociona. Eu veño do mundo rural e intento rematar cantando en lugares máis ben pequenos, porque é onde me sinto máis a gusto e porque creo que tamén deben desfrutar de concertos. Tamén estiven noutros lugares, como en América do Sur ou en Europa… Todo iso fai que un se sinta pleno nun mundo como o meu: a música.
—Tivo sempre clara a súa vocación?
—Eu veño dunha familia de músicos, porque meu pai foi músico. Son o máis pequeno de cinco irmáns e, desde neno, ao igual que eles, sentimos a música como algo moi natural, porque o viamos a el e formou parte da nosa infancia. Ademais, meu pai fixo un grupo con todos nós e eu tiña 7 anos cando comecei a tocar nese grupo familiar, que se chamaba Concorde Atenea. Botamos moitos anos percorrendo Galicia e Portugal. Iso fixo que eu vira o mundo da música dun xeito máis ou menos profesional desde que era un cativo. Entón, cando chegou a hora de dedicarme a algo, xa tiña claro que quería cantar e facer cancións. A oportunidade chegou no ano 2000, cando me enfoquei no meu proxecto como cantautor. Cos anos fun creando un estilo propio.
—Gran parte dese estilo persoal tamén é cantar na súa lingua materna, o galego.
—Efectivamente, aínda que curiosamente, cando empecei a compoñer, facíao en castelán. Eu son galegofalante e a miña familia tamén, é a nosa esencia. Foi en 1999 cando gañei un festival en Verín, e o premio era gravar unha maqueta cunha discográfica de Vigo. Naquel momento non había ningún cantautor que fixera as súas cancións no noso idioma, e decidín probar a ver que pasaba. Acabei facendo un disco completo, e desde entón case toda a miña discografía é en galego.
—Ademais de compartir lingua, as súas cancións tamén teñen un fío común?
—Si, penso que teñen unha temática común: o mundo rural. Por moito que viaxe, a miña cabeza sempre está no rural e nas nosas aldeas. No meu primeiro disco fixen unha canción que se chamaba Aldea, e desde entón é unha constante que mesturo co amor, coa simboloxía galega… Creo que é necesario e vital falar do rural, porque os que somos de aí sabemos o que supón o despoboamento. Eu lévoo dentro de min, é a miña raíz.
—Ao longo destes 25 anos sumas case un centenar de temas. Como fixeches a selección do teu repertorio para esta xira?
—Precisamente para esta xira fixen unha canción especial, que se titula Grazas por estar aí. É un xeito de agradecer a toda a xente que me acolleu, que me deu ánimos, que me contratou… por estar aí, precisamente. Para a escolla do resto de cancións fun seleccionando dos meus últimos traballos, pero hai temas fundamentais na miña traxectoria que sempre canto, como Vida miña ou A saia da Carolina. Moitas veces, aínda que teño un repertorio pensado, tamén vou cambiando e improvisando segundo o momento e o que se me vaia pasando pola memoria. Como actúo eu só, teño esa liberdade.
—Cal é a colaboración máis especial que fixo nestes anos?
—No ano 2018 fixen un disco de duetos con 16 artistas. Cando mo propuxeron non había nada similar. O primeiro nome no que pensei foi Víctor Manuel, e díxome que si á primeira. Ademais, axudoume a contactar con outros artistas. Logo tamén colaborei con Rozalén, Pablo Milanés, Sole Giménez ou Rosa Cedrón.