Sen teito

LUGO

07 ene 2025 . Actualizado a las 19:51 h.

Estes días saltou á prensa a nova dunha muller enferma que dorme á intemperie no barrio do Carme. Ata hai relativamente pouco tempo, esta era un problema que se daba nas grandes cidades e sobrecollíanos vermos, transitando por Madrid ou Barcelona, cartóns abeirados a calquera recanto, na porta dun centro comercial ou nun banco dun parque calquera. Mais agora, foi chegando a nós e xa non resulta difícil, aquí en Galicia, atopármonos con estas situacións.

Se este caso se converteu en noticia non é pola súa excepcionalidade; probablemente foi porque hai máis alarma por tratarse dunha muller. Nas asimetrías de xénero, hai unha maior postergación, mais tamén un maior paternalismo fronte a vernos na guerra ou durmindo ao resío. E tampouco cabe dúbida de que a situación a expón, en maior medida ca a un home, a diversas formas de violencia. Pero cousas coma estás teñen que indignarnos e sobrecollernos, afecten a quen afecten.

Hipocrisía legal

Na meirande parte das ocasións, median doenzas mentais ou adiccións, ou ambas as dúas xuntas. Sobre as segundas, vivimos nunha situación de hipocrisía legal: todo o mundo ve transitar a xente cara un narcopiso e sabe onde se atopan; máis, polo visto, non se desmantelan. Pasa como cos clubs de estrada: teoricamente está prohibido o proxenetismo, pero, non me digan como, seguen a funcionar á vista de todos. O peor de todo é que, no caso da muller do Carme, apúntase en máis dunha ocasión á dificultade para cumprir cos trámites burocráticos, a súa imposibilidade para achegar toda a documentación etc. A min non me estrañaría que algún día o mundo rematase porque houbo algún trámite ou algún papel que non se puido cumprimentar a tempo e subir en sede electrónica. Os clubs de estrada e os narcopisos, pola contra, non semellan ter problemas coa burocracia.