O xa exdelegado da Xunta en Lugo, que vai de número 2 na lista do PP, cre que pode levar ao Parlamento a súa experiencia nos concellos lucenses
17 ene 2024 . Actualizado a las 20:20 h.Javier Arias (Lugo, 1977), logo do seu paso por Suplusa, na Deputación de Lugo, foi xefe territorial da Consellería de Infraestruturas entre 1917 e 2020 e logo delegado da Xunta ata o pasado luns, que renunciou para poder concorrer ás eleccións galegas do 18 de febreiro, como número 2 na lista do PP de Lugo, que encabeza Elena Candia.
—Como se produciu a súa incorporación á lista do PP por Lugo?
—Estou agradecido pola confianza que me deron o presidente Rueda e a presidenta do PP lucense. Para min será unha honra defender á provincia no Parlamento e supón un paso importante. Afronto esta nova etapa con moita ilusión. Creo que o traballo á fronte da Delegación da Xunta viuse reflectido en que confiasen en min.
—Que pode aportar na política galega?
—Pois a miña experiencia no trato coa xente da provincia. Criticóuseme porque ía ao sitios a facerme fotos. Estiven en todos os lugares que puiden, porque creo que os políticos debemos estar fóra do despacho e achegarnos á xente para tomar nota dos problemas. Por unha parte, fixen a labor de representación e visibilizar as inversións da Xunta na provincia, pero á vez me serviu para recoller o sentimento da rúa e logo dar traslado das queixas, das ideas ou da necesidade de modificar algo ás persoas que toman as decisións. Creo que este traballo foi valorado e creo que podo trasladalo ao meu traballo no Parlamento. E logo creo que é necesario que o PP consiga a maioría absoluta nas eleccións para manter a illa de estabilidade política que aporta Galicia.
—Que lle transmitiron desde que se soubo que ía na lista do PP?
—Chamáronme moitas persoas para felicitarme e espero que haxa retorno porque eu sempre atendo á toda á xente que me chama e seguirei coa miña idea de estar pegado á xente. E logo teño un agradecemento aos funcionarios da Xunta en Lugo. Foi un pracer traballar con eles. E tamén cos xefe de servizos, que nos reuníamos todos os luns pola mañá para planificar a semana e traballamos coma un reloxo.