Félix Jorquera: «Para min a radio segue sendo un dos medios máis dinámicos, cribles e próximos á xente»

Lucía Campos / M.G. LUGO / LA VOZ

LUGO

Félix Jorquera volverá a ser o encargado de locutar o programa de verán de Radio Voz
Félix Jorquera volverá a ser o encargado de locutar o programa de verán de Radio Voz Laura Leiras

O veterano locutor presentará «Voces de Verano», que se emitirá de luns a venres durante o mes de agosto para toda Galicia, agás en A Coruña

31 jul 2023 . Actualizado a las 09:40 h.

O programa radiofónico conducido por Félix Jorquera, Voces de Verano, volverá a emitirse de luns a venres entre as 10.00 e as 14.00 horas para toda Galicia, agás en A Coruña. Esta tempada comezará o día luns 31 de xullo e rematará o día 1 de setembro. O ano pasado Félix estreábase con esta programación de verán, e este agosto repetirá a experiencia co obxectivo de acompañar a toda a comunidade a través do seu micrófono. 

—Para aqueles que non o coñezan, como foi a súa traxectoria profesional ata o momento?

—Eu empecei a traballar nos anos 80 nesta casa, e tamén en Antena 3 en A Coruña. Ademais estiven en Radio Minuto en A Coruña e en Lugo, en Los 40 Principales de Lugo e na Cadena Ser en Vilalba. Tamén traballei para as emisoras municipais galegas antes de chegar a Radio Voz. 

—Cantos anos leva en Radio Voz?

—Creo que empecei no 2015. Habitualmente emito para Lugo e para Ribadeo. 

—Sempre quixo ser locutor de radio?

—Si, sempre. Primeiro porque meu pai era moi aficionado á radio e acabou inculcándome iso. E despois porque cando era pequeniño sufrín unha enfermidade que me tivo encamado na casa durante varios meses e a radio acompañoume durante esa etapa. Desde aquela sempre tiven a ilusión de traballar nisto.

—Que significa para vostede este medio de comunicación?

—Para min segue sendo un dos medios máis dinámicos, cribles e próximos á xente, ademais de ser unha parte fundamental da miña vida. Desde que son moi novo sempre estiven acompañado dun micrófono.

—Que é o que máis lle gusta da profesión?

—Chegar á xente, as súas casas, aos seus coches... Estamos invadindo a intimidade das persoas porque elas nos deixan e iso é unha concesión magnífica que nos ofrecen e que debemos agradecer. 

—Se tivera que definir o programa nunha única palabra, cal escollería?

—Estival.

—De que tipo de contidos gozarán os oíntes?

—O programa tratará a axenda de eventos que hai en Galicia, xa que hai moita oferta e faremos recomendacións de festivais e festas ás que se poden ir. Pero tamén buscaremos a participación dos oíntes, todo isto conxugado coa música, algo moi importante no verán.

—Esta tempada incluirá algunha novidade?

—En teoría ía ser unha sorpresa, pero vouno adiantar. O ano pasado pedía que a xente nos chamara para compartir cal era a súa canción do verán e este quero facer o mesmo pero coas praias. O que pretendo é que os oíntes nos conten cal é a súa praia favorita e por que. 

—Para que tipo de audiencia está dirixido o programa?

—Para todo o mundo, ten un abanico moi amplo. Non é un programa específico para ningunha franxa de idade, porque se por exemplo falo do Festival de Pardiñas iso vaille interesar igual a un rapaz de 18 anos que a outro de 60.

—De todos os contidos que tratará, cal destacaría?

—Quizais o das praias porque implica contacto coa xente. É moi bonito que compartan os seus recordos propios e poder falar coa audiencia.

—Se se tivera que quedar coa programación habitual en Radio Voz ou a que fai en verán, cal escollería?

—Aínda así os dous teñen a mesma recompensa, a de verán é máis distendida e agradecida, mentres que o resto do ano coa actualidade todo é moito máis frenético.