A falta de infraestruturas na provincia de Lugo centrou o debate dos candidatos de Radio Voz

La Voz LUGO

LUGO

Os candidatos, con Félix Jorquera, antes do debate
Os candidatos, con Félix Jorquera, antes do debate

Jaime de Olano, do PP; César Mogo, do PSOE; Daniel Castro, do BNG, e José Antonio Rodríguez Añón, de Sumar, falaron das autovías, do tren, das pensións, do salario mínimo, a vivenda pública e a instalación de empresas

24 jul 2023 . Actualizado a las 22:03 h.

O programa Voces de Lugo, de Radio Voz, acolleu un debate entre as catro forzas políticas principais que se presentan ás eleccións do 23 de xullo. No encontro, moderado polo xornalista Félix Jorquera, participaron Jaime de Olano, número dous ao Congreso polo PP; César Mogo, número un ao Senado polo PSOE; Daniel Castro, número un ao Congreso polo BNG; e José Antonio Rodríguez Añón, número un ao Congreso por Sumar. «Os lucenses escollemos catro congresistas e catro senadores (...) e o que suceda en Lugo pode ser vital para a configuración do Parlamento», afirmou Jorquera.

Antes de comezar o debate, os candidatos quixeron mostrar as súas condolencias aos familiares e amigos das vítimas do accidente no paso a nivel de Recimil. Despois, comezaron as intervencións, estruturadas en economía, infraestruturas e política social, cunha introdución e unha clausura.

Jaime de Olano comezou afirmando que «estamos en un momento crucial para nuestro país. El Gobierno ha estado más preocupado de sus líos que de los problemas de los españoles y ha llegado el momento de cambiar esto, de cambiar un Gobierno que está en manos de partidos muy minoritarios».

Pola súa banda, Daniel Castro recordou que na historia da democracia no país elixíronse «66 deputados, sempre de forzas estatais, polo que Lugo é unha das provincias máis illadas do Estado. Parece que Lugo está rodeada por auga, e iso afecta ás empresas, á mocidade... Por iso as eleccións son vitais, porque nos xogamos moito. O voto do BNG vale por dous: para defender o noso país e para frear á dereita».

En canto a José Antonio Rodríguez, sinalou que presentan «un proxecto de esperanza, para dar a posibilidade de escribir o futuro. Vimos pedir que a xente pense nos seus fillos cando vote. Queremos soldos dignos, onde a liberdade sexa unha realidade. Non queremos o voto útil, senón o voto comprometido».

E César Mogo sinalou que un Lugo gobernado polo PP estaría «sen suba do salario mínimo, con menos suba das pensións, sen Intermodal... A A-54 non tería recuperado as obras, non habería fondos europeos... Sería o inmobilismo. Queremos colocar a Lugo nos primeiros ránkings de investimentos, seguir desenvolvendo fondos europeos... Aprendemos dos erros, pero queremos persistir nos avances»

Economía

Que propoñen as distintas forzas no eido económico?

Para o candidato do BNG, «a economía está damnificada, coa A-54 sen rematar, sen viaduto da A-6, sen liña de Feve propia do século XXI, sen unha conexión de Lugo con Santiago por tren... Ademais, na Mariña houbo moitas empresas que foron pechando ou perdendo peso (Alcoa, Sargadelos...). As empresas instálanse se ven futuro, e para iso ten que haber infraestruturas. E nesta provincia podemos ter de todo».

En canto a Olano, acusou a Sánchez da situación do país: «No se puede presumir de  ser el país de Europa que tiene más paro, el que más se ha endeudado, el segundo país en el que más renta disponible han perdido los ciudadanos... que los lucenses paguemos más por la luz, de haber subido los impuestos a todos los lucenses... Así que hay que variar y aliviar el bolsillo de las familias. De poco sirve subir las pensiones si después van a hacer la compra y tienen que pagar más impuestos y no les llega. (...). Hay más problemas económicos que cuando llegó Sánchez»

Pola súa banda, Rodríguez apuntou: «Son novo nesto da política, pero estas son as promesas de sempre, non o entendo. Non entendo como hai xente que non se aburre de vender fume. Economía tamén son centros sanitarios de atención primaria sen facultativos, escolas rurais que pechan. Queremos avanzar na suba do salario mínimo, na suba das pensións, seguir creando emprego e favorecer o emprego verde...»

E Mogo puntualizou que «o PP votou en contra da suba das pensións, e tamén en contra da reforma laboral. Sempre hai urxencias económicas, e por suposto que as familias sofren os impactos dunha pandemia brutal e pola guerra de Ucraína, pero hoxe hai 77.000 autónomos máis que no 2019. Somos o país cunha inflación máis baixa».

Castro recordou tamén que «os lucenses teñen as segundas pensións máis baixas do Estado. A reforma laboral tiña beneficios, pero podíase facer outra con todas as forzas progresistas».

Olano engadiu que «los lucenses cada vez le dan más confianza a Feijoo. La guerra está ahí y la pandemia también, pero para todos, y España multiplica por dos la media de paro europea, no es para presumir». Ademais, matiza que «no hemos votado en contra de la revalorización de las pensiones, sino de la reforma. Con el PP, los pensionistas al final siempre ganan poder adquisitivo. Y hay que recordar que en el 2010, Zapatero sí que congeló las pensiones, con el voto de Sánchez. Pero es importante también rebajar el IVA de las carnes, del pescado...».

Rodríguez engadiu que «hai que revisar a cadea de subministro na alimentación. E cando falamos de tecido industrial, a Xunta realmente ten unha proposta razoada? E o problema de Alcoa é enerxía e loxística, porque temos A Mariña desconectada». E Mogo insistiu en que «o PP votou en contra do proxecto da suba das pensións». En canto a Altri, «o Goberno central garantizou que vai haber fondos para Altri. E Alcoa ten futuro porque hai un compromiso do Goberno de España».

A situación das infraestruturas

Cales son as propostas para as carencias da provincia?

Mogo reivindicou a importancia da autovía da Mariña: «A A-74 ten que empezar as obras para os primeiros tramos, é unha necesidade estratéxica da Mariña. Tamén hai que acabar a A-54. E hai que recordar que hai fondos para o tren para a comunicación con Ourense».

Olano afirmou que estas promesas son coma as de hai catro anos: «La autovía Santiago-Lugo sigue siendo imposible circular por ella. Lugo-Ourense nada de nada... Y Sánchez se ha comprometido en Bruselas a que en el 2024 todos los lucenses tengamos que pagar por circular por autovía. En el Feve tenemos otro de los hitos del PSOE: en Asturias y en Cantabria lo tienen gratis, pero a los gallegos se nos maltrata de nuevo y sí tenemos que pagar. En cuanto a los pasos a nivel, Sánchez se comprometió  a hacer desaparecer 36 en Lugo, y ayer se comprometió a quitar 34, así que no cumplió. Y también hay cero viviendas construidas».

Pola súa banda, Castro aproveitou para falar da «necesidade que temos dun deputado nacionalista por Lugo. Cando se empezaba a falar da A-74 eu era un neno, e aínda non hai a primeira pedra. Tamén cando se falaba de unir Lugo con Santiago. E iso que houbo un galego na presidencia do Goberno. Chegamos antes en tren de Ourense a Madrid, que de Lugo á Coruña. Tamén leva case un ano no chan o viaducto da A-6, quitourse o tren nocturno de Monforte a Barcelona...».

Rodríguez sinalou: «En Galicia temos moitas estradas que non van a ningún lado (...) Despois de 30 anos do PP case non se construíron vivendas públicas... Pero a Sareb ten moitas vivendas, non sei se hai que construílas novas, igual hai que recuperar as vivendas que nos quitaron. Hai que facer un estudo serio para saber o que se necesita e desenvolvelo. E precísase unha rede ferroviaria do século XXI».

Mogo replicou que «hai cousas ás que non chegamos en cinco anos, pero hai que apoiar os proxectos aínda que non nos satisfagan ao 100 %. Da A-74 non hai un centímetro feito, nin polo PP nin polo PSOE, pero estamos dispostos a xogar forte para apostar por ela». Castro sentenciou: «Miren o que fixo Feijoo en Galicia, porque iso é o que vai facer en España».

E Olano avisou: «PSOE y BNG irán juntos de la mano, para eso sirve el voto al BNG, para apoyar al PSOE. Desde el PP al vulnerable se le protege, pero al okupa se le desaloja, y cuanto antes, mejor». Ao que Rodríguez contestou: «Pode haber 14 millóns de okupas en España agora, pola suba de hipotecas».

Políticas sociais

Nunha provincia tan envellecida como a de Lugo, falar de políticas sociais é indispensable.

Castro explicou que «votar ao BNG é un 2x1. Falamos de vivenda porque hai mozos que non poden asumir alugueres; un menor de 35 anos no país gasta a metade do soldo no aluguer. Tamén hai que mellorar os dereitos das mulleres e do colectivo LGTB, pedimos un xulgado de violencia de xénero para Lugo... E tamén defendemos os dereitos lingüísticos, que son dereitos humanos, porque hai partidos que nos din que sobramos». 

Rodríguez apuntou que «Lugo está perdendo xente e estase envellecendo a poboación, por iso promovemos un desenvolvemento dos transportes e do rural. Temos que recuperar o rural, que a xente nova o vexa como unha opción. En educación, sanidade... non hai gastos, hai investimentos».

Para Mogo, «a mellor política social demóstrase andando: atendendo aos pensionistas, que están recuperando o poder adquisitivo. Neste tempo vimos que é posible afrontar grandes dificultades, pero protexendo. O Goberno demostrou que se pode medrar e protexer». 

E Olano coincide na importancia de medrar e protexer, pero apunta: «Hay más españoles en situación de pobreza que cuando llegó Sánchez. Feijoo llevará a toda España la gratuidad de la educación de 0 a 3 años que tenemos en Galicia, exportaremos el cuidado de los mayores... En cuanto a las mujeres, ahí está la ley del sí es sí, una reforma que ha puesto en la calle a más de 150 violadores y pederastas, pero Sánchez eligió tener paz en su Gobierno antes que pensar en mujeres y niños». 

Rodríguez e Mogo reiteraron o seu perdón ás mulleres e Castro puntualizou que eran «cinco homes falando dos dereitos das mulleres». 

Conclusiones

Cada candidato rematou pedindo o voto para o seu partido. Olano explicou que «todos los lucenses tenemos la oportunidad de dejar atrás el gobierno de los líos y los despilfarros e incompetencia. Necesitamos un gobierno fuerte, que no pacte con Bildu ni Esquerra Republicana». Ademais, puntualizou que «en Lugo no va a sacar representación Vox».

Castro dixo que «o 23 de xullo xogámonos ter voz en Madrid, avanzar en dereitos, que Lugo consiga o primeiro deputado nacionalista. O BNG defenderá o país, a provincia, vai frear a dereita... Nunca foi tan útil escoller o BNG».

Mogo, pola súa banda, dixo que «o 23 de xullo non votamos o futuro dos políticos, senón o dos cidadáns. Está en xogo seguir avanzando, banda ancha no rural... que España estea gobernada pola extrema dereita ou por forzas progresistas».

E Rodríguez concluíu: «Houbo poucas propostas e moitas mentiras. España merece políticas honradas, con liberdade, e cun proxecto valente».