Impulso destrutor

LUGO

Un día máis acontece un episodio de violencia que remata coa morte do propio homicida. Neste caso produciuse nunha universidade estadounidense. Coa violencia ocorre como cos temas literarios: que acaban respondendo a patróns identificables, recoñecibles, como se a mesma trama gustase de repetirse unha e outra vez. Así remata Borges un microrrelato titulado “La trama”: “Lo matan y no sabe que muere para que se repita una escena”.

Recoñecemos o patrón do estudante que a emprende a tiros nunha escola, coma o do home que asasina á súa exparella cando pretende continuar adiante sen el. En ambos casos, a miúdo a tempestade destrutora remata tamén na propia autodestrución. O tratamento que lle damos a este tipo de sucesos adoita adolecer dunha ausencia de aprofundamento na psicoloxía criminal. O correcto semella afirmar a maldade do criminal e non facer o esforzo de comprender as súas motivacións psicolóxicas. E pola contra resulta evidente que na violencia conflúen factores psicolóxicos e sociais e que a mesma pauta de recorrencia debería encerrar unha vía para o estudo e a prevención. Pois como nos amosa a ficción negra, a miúdo para resolver o crime hai que abismarse na psicoloxía escura e retorcida do criminal, por perturbada ou patolóxica que esta poida ser. Cómpre comprender como pensan, que senten, cal é o detonante que fai estoupar a ola a presión. E cómpre facelo non para minimizar a gravidade da súa acción, senón para previr no posible a violencia.

En xeral, a nosa seguridade baséase no castigo e nas consecuencias que a acción delitiva ten para quen a comete. Por iso xera tanto desacougo esa violencia na que nin a propia vida importa: o atentado terrorista suicida, o ataque violento con inmolación… Aí xa de nada serve o poder disuasorio do castigo. Aí cómpre mergullarse e comprender. Aínda que asuste.